O PP non apoiará Rafael Villarino como alcalde de Ourense

A moción de censura que foi moi demandada hai unhas semanas fica agora máis lonxe
O grupo socialista ourensá. Europa Press
photo_camera O grupo socialista ourensá. (Foto: Europa Press)

A posibilidade dun Goberno alternativo ao de Gonzalo Pérez Jácome está máis lonxe. A decisión do voceiro dos socialistas ourensáns, Rafael Villarino, de depositar o texto dunha moción de censura nunha notaría da cidade para que o resto dos grupos da corporación se sumen á mesma semella non convencer parte das forzas da oposición e mesmo un sector do seu partido que considera que este non é camiño para desaloxar Democracia Ourensá da alcaldía.

Neste sentido, apostan nunha nova rolda de contactos para conseguir as 13 sinaturas necesarias para que a moción saia adiante.

O Partido Popular desmarcouse esta quinta feira da proposta dos socialistas reclamando un Goberno de coalición co PSdeG e Ciudadanos. Así, o líder dos populares, Jesús Vázquez, opúxose a un Goberno encabezado por Villarino, sinalando que “estamos dispostos a sentarnos xa hoxe se designan calquera outro”.

Penbsan que Ourense precisa ese novo rumbo pero "non a calquera prezo" porque o que indicen en que o que o PSOE "quere" é "unicamente a alcaldía", "un cheque en branco do PP, para que, cos seus propios votos, poidan exercer un cordón sanitario".

“Desde o grupo popular cremos que hoxe quedou claro que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, non autorizou o PSOE de Ourense a negociar un Goberno de coalición PSOE-PP”, concluíu Vázquez.

A batalla polo relato segue condicionando a posibilidade dunha alternativa a Jácome. A este respecto, o portavoz dos nacionalistas, Luís Seara, volveu reiterar a disposición dos concelleiros do BNG a apoiar a moción de censura e lamentou a falla de acordo entre as dúas principais formacións da corporación.

Pola súa banda, o dirixente de Ciudadanos, José Araujo, ofreceuse a encabezar a alternativa a Jácome no caso de que socialistas e populares non se puxesen de acordo, posibilidade que non desgusta nunha parte das filas populares. 

Comentarios