A nova lei do xogo da Xunta, baixo sospeita

A capacidade de influencia do sector do xogo déixase notar de novo. 
As maquinas comecartos continuarán nos negocios de hostalaría (Foto: Europa Press)
photo_camera As maquinas comecartos continuarán nos negocios de hostalaría (Foto: Europa Press)

A tolerancia da Xunta da Galiza co xogo e a conivencia coas demandas do sector do xogo son obxecto de repetidas críticas desde as instancias máis diversas. Se no pasado mes de outubro eran as entidades representativas da hostalaría quen se queixaban da diferenza de trato entre os seus negocios e os locais de xogo, excluídos das limitacións de horarios impostas ao ocio nocturno como consecuencia da pandemia, uns meses máis tarde eran as forzas da oposición quen denunciaban unha rebaixa fiscal sen precedentes nos orzamentos galegos de 2021 para salas de apostas, bingos e casinos.

Precisamente, a propia patronal do xogo da Galiza non dubidou en cualificar esta medida como unha concesión do Goberno de Feixoo ás súas esixencias.

O ‘punto de acordo’ de Rueda

O Consello Económico e Social(CES) foi a última entidade en denunciar a actitude do Executivo galego en relación co xogo. O organismo dependente da Xunta, presidido polo antigo conselleiro de Feixoo e candidato do PP á alcaldía de Compostela, Agustín Hernández e cuxos informes son preceptivos naqueles textos lexislativos de carácter económico, vén de  discrepar diante do anteproxecto de Lei reguladora dos xogos da Galiza. Segundo o vicepresidente Alfonso Rueda, a proposta normativa pretende “conxugar os intereses de todos os sectores implicados, sen ceder ás demagoxias, nin á búsquea do titular fácil, nin a visións distorsionadas da realidade” e “buscar un punto de acordo”.

O CES non aforra críticas á nova lexislación en materia de xogo da Xunta. Así, sinala no seu ditame ao anteproxecto de Lei reguladora dos xogos da Galiza que “algúns fragmentos do texto parecen incidir na naturalización da actividade, póndoa en valor (“carácter dinámico e activo”), deixando case de lado os graves problemas que ten ocasionado”. Na mesma liña, “o CES considera de todo punto insuficientes as medidas establecidas no anteproxecto xa que logo non inciden decididamente en cuestións como a publicidade e a promoción dos xogos, a tipoloxía de establecementos”. 

O ditame do CES “entende que no anteproxecto de Lei debería aludirse con máis contundencia á problemática xerada nos últimos anos pola práctica incontrolada do xogo e a súa particular afección aos sectores sociais máis vulnerábeis e desfavorecidos”. Ao tempo, destaca que a norma “nace con importantes eivas xa que no seu conxunto estabelece unha regulación do xogo baseado case na súa totalidade en modalidades tradicionais e practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que accede maioritariamente a poboación”. Neste sentido, advirte das “consecuencias prexudiciais do xogo para as persoas consumidoras e a sociedade no seu conxunto”.

As maquinas comecartos

As queixas do órgano consultivo chegan ás maquinas comecartos. Neste sentido, afírmase que “tampouco comparte o CES o feito de que a norma non prevea a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración se non xa con carácter inmediato, polo menos logo da expiración do período transitorio previsto no texto”. A este respecto, sinala que “resulta difícil entender o sentido de disposicións tendentes a limitar o acceso a estabelecementos específicos de xogo cando o acceso con controis máis laxos pode facerse en centos de locais abertos ao público na Galiza”.

As críticas do CES ao anteproxecto da Lei reguladora dos xogos da Galiza volve a pór sobre a mesa a influencia da patronal do xogo. A Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) fundada en 1982 e conformada actualmente por 55 sociedades ten como obxectivos a defensa dos intereses do sector e actuar de enlace entre o mesmo e as diferentes administracións. Segundo o seu presidente, Serafín Portas “de nós dependen máis de 1.800 empregos directos na nosa comunidade, máis de 756 empresas e delas, case o 95% son de carácter familiar”.

Ao tempo, teñen sede na Galiza algúns dos máis importantes operadores do xogo a nivel estatal e cunha importante presenza internacional.

A proximidade do Partido Popular á patronal do xogo é unha crítica de vello das forzas da oposición. A presenza dos responsábeis do Goberno galego nos seus actos é habitual, estando casado en réxime de gananciais o presidente de AGEO, Serafín Portas coa deputada do Partido Popular por Pontevedra, Lupe Morillo

"Cousas" de Rueda

Cando se pregunta no Partido Popular polas relacións da formación coa patronal do xogo, algúns dirixentes responden que “son cousas de Rueda e dos seus rapaces”.

Sexa certo ou non, o vicepresidente primeiro do Goberno galego e máximo responsábel da formación en Pontevedra é un habitual dos actos de AGEO.

Comentarios