mércores 14/04/21

O PP aproba a lei coa que bonificará os casinos

O PP aproba en solitario no Parlamento a nova Lei de medidas fiscais e administrativas, que inclúe bonificacións para bingos, casinos e máquinas de xogo para compensar as perdas pola pandemia.
O PP aproba sen os votos da oposición a lei de acompañamento (Foto: Parlamento galego)
O PP aproba sen os votos da oposición a lei de acompañamento (Foto: Parlamento galego)

O Parlamento aprobou a nova Lei de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, xa que é o texto lexislativo que debe acompañar as contas da Xunta para posibilitar a súa aplicación. A norma saíu aprobada unicamente cos votos do PP.

Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, coincidiron en reprochar á Xunta que faga “uso e abuso” desta normativa para mudar cun só texto até 25 leis, unha técnica que non consideran nin transparente nin democrática. 

A deputada popular Paula Prado foi a encargada de defender o texto, unha técnica lexislativa que permite axilizar e "desatascar", dixo, e que facilita a adaptación a un contexto marcado pola pandemia. 

Compensar o xogo 

"É unha lei útil", sentenciou Prado, o que exemplificou con que permite introducir "bonificacións" para compensar os sectores máis afectados pola pandemia. Unha das bonificacións que se introduce é a aplicábel ao canon da auga e ao coeficiente de verteduras, que afecta á hostalaría. Pero a oposición reprobou que tamén se introduzan bonificacións fiscais para "casinos e bingos".

Tal e como informou Nós Diario en novembro, a norma do Goberno galego pretendía, tal e como ficou demostrado na Cámara esta terza feira, 26 de xaneiro,  compensar casinos e bingos para axudalos a paliar a perda de ingresos. 

A nova lei di que ante a pandemia "cabe estabelecer un beneficio fiscal que coadxuve a situación provocada neste sector".

Así, no caso de casinos e bingos, poderase aplicar unha bonificación equivalente a 20% da débeda tributaria devindicada correspondente ao período impositivo de 2020. Para o caso das máquinas de xogo a dedución poderase aplicar a 30%.

comentarios