venres 23/07/21

Néstor Rego reclama ao Estado as competencia pendentes

O BNG emendou o proxecto de Lei sobre tráfico para solicitar que se incorporen máis empregadas e empregados públicos para evitar a externalización de servizos na Dirección Xeral de Tráfico, tamén reclama que se elimine a prohibición de aumentar en 20 quilómetros por hora a velocidade para adiantar nalgunhas vías.
Néstor Rego, deputado do BNG, nunha rolda de prensa no Congreso.
Néstor Rego, deputado do BNG, nunha rolda de prensa no Congreso. (Foto: Europa Press)

Durante o debate da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguranza viaria, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu a transferencia de competencias que cualificou de “esenciais”, como as de tráfico, transportes e seguranza viaria.

Tamén lembrou a Lei de policía galega, aprobada en 2007 mais “que non foi desenvolta”. Porén, amosouse convencido de que a Galiza “está preparada para asumir esa competencia se realmente hai vontade por parte do Goberno”.

“Tras doce anos de Goberno de Feixoo, o noso país non asumiu ningunha nova competencia”, denunciou Rego, a pesar da aprobación dunha proposición non de lei do BNG na Comisión de Política Territorial do Congreso para reactivar a Comisión Mixta de Transferencias entre Goberno do Estado e Xunta.

Con respecto ao proxecto de lei, o deputado anunciou a presentación de emendas para mellorar o texto.

Desde o BNG no Congreso proponse o incremento do persoal examinador na Dirección Xeral de Tráfico (DXT), despois de sinalar a externalización do servizo de inspeccións, “cousa que debe de mudar e seguir a executarse por empregados públicos”, salientou Rego.

Ao tempo, pide a supresión do artigo que prohibe superar as velocidades máximas fixadas nas estradas convencionais, excepto travesías, en 20 quilómetros por hora, para que turismos e motocicletas poidan facer adiantamentos.

Fondos Next Generation

No transcurso dunha visita a Valdeorras, a líder da oposición e voceira do BNG, Ana Pontón, advertiu de que “seguimos sen coñecer cal é a proposta deste Goberno para que a Galiza non sexa discriminada" nos fondos Next Generation e pediulle a Feixoo que abandone o escurantismo e a falta de estratexia neste tema.

comentarios