PPdeG renunciará a pedir a transferencia de Tráfico se non se garante a presenza da Garda Civil na Galiza

“Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil” dixo o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

Dous axentes da Garda Civil nun control por mor da emerxencia sanitaria (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Dous axentes da Garda Civil nun control (Foto: Europa Press)

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, vinculou esta segunda feira a reivindicación das competencias de Tráfico para Galiza con que se garanta a presenza da Garda Civil, algo que está segurado, dico, “mentres goberne o Partido Popular”.

Miguel Tellado reuniuse esta segunda feira con 21 representantes da Garda Civil pertencentes a 10 colectivos de axentes, xuntanza na que tamén participaron Paula Prado, voceira de Interior do PPdeG no Parlamento da Galiza, e Ana Vázquez, portavoz de Interior do PP no Congreso dos Deputados.

Tellado afirmou que a reivindicación das competencias aen materia de Tráfico e Seguridade Viaria é unha vella reclamación de todos os partidos da Cámara galega. “Unha competencia para a que nos faculta a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía”, asegurou aínda que aclarando que “agora non é o momento”.

“Mais esta demanda administrativa non ten nada que ver con expulsar a Garda Civil das nosas estradas” asegurou o secretario xeral, culpando de desinformar sobre esta cuestión os outros partidos “con intereses electorais en Madrid”.

“Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil” insistiu o popular.

Por último, incidiu no enorme aprecio que o PPdeG sente pola tarefa realizada pola Garda: “É unha institución que vertebra España e realiza un gran traballo, especialmente no medio rural, onde leva a cabo un labor extraordinario”.

Pola súa banda, a voceira de Interior do PPdeG no Parlamento de Galiza admitiu que o seu modelo “non é nin o modelo do BNG nin o modelo de Nafarroa“.

Comentarios