Opinión

Sen competencias

[María Obelleiro]

Moito gosta o presidente da Xunta de mudar a chaqueta. Cando se achega unha cita electoral, viste a de "Galicia, Galicia, Galicia". Cando insistía en dar o salto a Madrid, puña a de xefe da oposición a Sánchez e tamén chegou a pór a de presidente que, timidamente, defende novas competencias para a Galiza. Os cambios de criterio máis evidentes foron coa transferencia da AP-9 -ten votado en contra e agora quere apuntarse o tanto-, mais tamén coa de tráfico. E iso a pesar de que durante as restricións de mobilidade máis severas se laiaba de non dispor de ferramentas para controlar a situación desde a Galiza.

Feixoo pasará á historia, entre outras cuestións, como o presidente das cero competencias. Once anos dan para moito, mais, ao contrario dos seus colegas vascos e cataláns, inhibiuse á hora de reclamar transferencias. A elástica que nunca muda é a que defende as cores do PP, aínda que vaia en detrimento dos intereses das galegas e galegos. Aínda onte, por boca do seu conselleiro de Economía, rexeitaba unha tarifa eléctrica propia.

Comentarios