Paula Vázquez Verao, nº 3 de Queremos Participar

"Na nosa proposta Luís Villares si ten direito de voto na dirección"

Paula Vázquez Verao, parlamentar de En Marea, é un dos referentes da candidatura Queremos Participar, unha das listas que esta fin de semana concorre nas primarias da confluencia. Está pola consolidación de En Marea como un partido "soberano e nacional galego". E, como a outra candidatura crítica, defende Luís Villares como único portavoz da organización.

Paula Vázquez Verao
photo_camera Paula Vázquez Verao, nun acto de En Marea


-Que é o que vos anima a apresentar unha candidatura nas primarias de En Marea?

-Pois o que nos anima é neste caso, como dicimos no nome da candidatura, que queremos participar. A mostra é precisamente a apresentación desta candidatura. Apresentámonos para aportar o noso caudal tanto militante como de traballo. É simplesmente iso.

-E por que non foi posíbel o consenso que invocaba a candidatura oficial?

-Ben, nós cremos que o consenso se vai reflectir porque se ten decidido que a escolla será proporcional no órgao colexiado [o Consello das Mareas, máximo órgao entre asembleas], onde se vai ver reflectida a vontade da xente. Iso é o mellor. Ese vai ser o consenso, a vontade e a decisión da militancia. Nós apresentamos a nosa lista porque queremos participar, queríamos aportar máis caudal a ese digamos consenso, a un consenso que será o que decida a militancia.

-E que dirías á xente que caricaturiza a vosa candidatura dicendo que é a lista de Cerna?

-Ben, eu son de Cerna, hai xente de Cerna, efectivamente, pero tamén hai moita outra xente que non é de Cerna, a maioría persoas que participaron ou foron fundamentais na consolidación de candidaturas municipais nos seus lugares. É dicer, que a caricatura non cabe no sentido de que nós precisamente tamén representamos esa vontade de construír candidaturas nos concellos, candidaturas sen preponderancia de ningún partido nelas, senón que son procesos de confluencia de distintas persoas. Candidaturas nas que se participa a título individual, como se ten acordado en En Marea e como queremos que sexa.

-E por que non plantexastes unha candidatura unificada con Somos Quen?

-Nós non imos avaliar as distintas candidaturas. Cremos que si é certo que é transversal o sentimento de que se consolide En Marea como unha organización de adscrición individual, pero o feito de que haxa varias candidaturas, e a nosa vai nese sentido, é porque pensamos que as diferenzas están entre aquelas persoas que queremos que se consolide ese partido soberano, galego, de adscrición individual, todo iso que se acordou en xullo de 2016, e aquelas outras persoas, sobre todo algunhas de estruturas partidarias consolidadas, que se senten máis cómodas no modelo de coligazón, que foi o que efectivamente se deu cando foron as eleccións estatais. Nós apostamos claramente en manter os acordos que xa digo que son transversais -a grande maioría quer que se consolide En Marea como partido nacional galego- e, ben, a nosa candidatura vai nese sentido.

-Vós estaríades pola disolución das estruturas políticas previas?

-Sei que iso é un proceso complicado, pero nós asumimos o que se aprobou en xullo, que é que o partido sexa de adscrición individual. Despois non está definido iso de que haxa ou non estruturas políticas previas, pero nós si estamos por aportar o noso caudal, por modesto que sexa, e a nosa digamos estrutura partidaria a que En Marea se consolide como partido de adscrición individual.

-E o voso candidato a portavoz sería tamén Luís Villares [éo tamén da candidatura crítica Somos Quen]?

-Si, o feito de que estas listas que nos apresentamos aparte da del apostemos niso demostra que el ten capacidade de ser voceiro de todas e todos. Esa sensatez que amosou -que intentase facer ese consenso, aínda que o consenso será finalmente o que decida a militancia co seu voto- evidencia que ten capacidade de ser voceiro. Que voceiro nós non o entendemos como un secretario xeral nen presidente nen nada diso, falamos de voceiría unipersoal, pero tendo en conta que hai un órgao de participación onde cada quen vai participar de igual a igual, non vai ser Villares máis que ninguén, pero logo cando se acorden as posicións políticas democraticamente pois entendemos que se deben trasladar a través da súa voz, que nos representa a todas e a todos.

-Lin nas redes sociais algo así como: vou votar as candidaturas críticas porque quero que Luís Villares sexa portavoz. Non é algo extraño isto?

-Pode ser...Si, é estraño, non imos dicer que non. Pero para nós significa que el ten a madeira de ser unha persoa que concita vontades distintas, que é o que é En Marea, un espazo moi plural e por iso nós apostamos inequivocamente por iso, por unha voceiría unipersoal no sentido que digo, que non é unha secretaría xeral.

-Que pensades do feito de que en principio Villares non vaia ter dereito de voto na coordenadora?

-Nós formulamos a proposta de que a coordenadora se conforme cunhas determinadas condicións que temos aí no noso Documento [reférese ao texto político que debe acompañar as candidaturas neste proceso de primarias] para consolidar En Marea como partido e nese organigrama noso si sería unha persoa máis, con voz e voto igual que o resto. Esa é a nosa proposta. Logo veremos en que resulta.

-Que diferenciaría a vosa candidatura das outras nos dous eixos que estruturan a política galega, a dialéctica direita-esquerda e a cuestión nacional?

-Nós non imos dicer quen é máis ou menos de esquerda ou nacionalista, nós somos inequivocamente nacionalistas e apostamos por que se consolide En Marea como un partido galego, soberano, de adscrición individual, no que podamos aportar todos e no que podamos traballar tanto xente nacionalista como non nacionalista, xente sempre que entenda que Galiza é unha nación e que entenda e practique que ten direito á autodeterminación, que ten direitos nacionais, e desde unha óptica, pois, cidadá e de esquerda, pódese dicer. Que perfil temos aparte disto? Pois o que comentaba antes, que somos xente que participamos en candidaturas de base municipal, que non están monopolizadas por ningunha forza política, senón que son agrupacións de persoas que na súa maioría non teñen adscrición partidaria.

-Até que ponto está condicionado o proceso de En Marea ao desenvolvimento dos debates que está a haber no Estado no seo de Podemos?

-A ver, En Marea é soberana. Estaría condicionado, si, na medida en que hai xente de Podemos que participa en En Marea, pero Podemos está nese debate interno, agardemos que se aclare e que iso se faga para ben de que En Marea se consolide como partido soberano. Desde logo a nós non nos condiciona, nen a ningunha das persoas que participa na organización a título individual.

-Carmen Santos, parlamentar de En Marea e secretaria xeral de Podemos Galiza, ten feito declaracións das que se pode deducir que a confluencia está lonxe de estar consolidada como unha marca a apresentar en todos os procesos eleitorais...

-Ben, nós estamos pola consolidación de En Marea a todos os efeitos. E a respeito do grupo parlamentar, xa que me falas dunha compañeira, o que teño que dicer é que estamos traballando cohesionadamente e en común tanto en denunciar todo o que o PP está a facer contra a maioría social como na formulación de alternativas políticas. Non contemplamos ningún outro escenario que a consolidación de En Marea a todos os efeitos e iso implica todos os procesos eleitorais e implica que teña continuidade como un partido nacional galego.

Comentarios