Luís Villares, cabeza de lista da candidatura Máis Alá

"Organicamente non hai ningún artigo que me prohíba estar na coordenadora con voz e voto"

Entrevistamos no Sermos230 Luís Villares, portavoz parlamentar de En Marea e cabeza de lista da candidatura Máis Alá nas primarias da confluencia, a se realizaren esta fin de semana. Publicamos a seguir un extracto da conversa.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

A aposta da túa candidatura é dotarse dunha portavocía coral, con tres persoas a partillala, nengunha delas serás ti. Sorprende iso e sorprende tamén un chisco que non vaias ter dereito de voto na dirección.

Eu estou no Consello das Mareas, estou encabezando a lista, polo tanto, son membro de pleno dereito, con voz e voto, no Consello das Mareas e despois tamén, como voceiro do grupo parlamentar, son membro nato da Coordenadora [máximo órgao executivo da confluencia].  Teño voz plena na Coordenadora, si.

Pero non tes voto na Coordenadora.

Na Coordenadora, a día de hoxe non.

E a ti iso paréceche normal?

Bon, é unha forma de estar na dirección política, non? Desde logo a criación do espazo de confluencia require estabelecer novas formas de estar nos órgaos de dirección e esta é unha forma que adoptamos nós.

4E como che queda o corpo, estás satisfeito con esta fórmula?

Ben, o importante é que o proxecto de confluencia teña futuro. Todos pomos da nosa parte para que todo vaia como ten de ir, cara á consolidación do proxecto, desde logo.

E hai percorrido para que esta cuestión de non teres direito de voto na dirección dalgunha maneira se corrixa?

A ver, non hai nada escrito sobre o tema do direito de voto, dise que estarei con voz e sen voto [no texto do Documento Político que apresenta a candidatura oficial a estas primarias], mais nada impide que puidese chegar a telo. En todo caso, as propostas que nós facemos desde a candidatura son propostas. Organicamente non hai ningún artigo que me prohíba estar na coordenadora con voz e voto, polo tanto é unha decisión que asumimos así na candidatura con vocación de que sexa de consenso, pero simplemente é unha proposta eleitoral [para o proceso das primarias].

A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos230, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios