Davide Rodríguez, cabeza de lista de Somos Quen

"Apoiamos que Luís Villares sexa o portavoz único de En Marea"

Fala de esquerda nacional e defende as mareas das pequenas vilas, que ve infra-representadas na candidatura oficial. E aínda que o ex xuíz vaia noutra lista, ten clarísimo que Luís Villares debe ser o "único" portavoz de En Marea. Davide Rodríguez (Manzaneda, 1978) lidera a lista chamada Somos Quen nas primarias da confluencia.

Davide Rodríguez (arquivo).
photo_camera Davide Rodríguez, deputado de En Marea. Ex alcalde de Manzaneda

-Que vos animou a apresentar unha candidatura alternativa á que poderíamos cualificar como oficial?

-Vimos que na chamada candidatura de consenso non se daba demasiada cabida ás pequenas vilas. As eivas xa viñan de moito atrás, a coordenadora ten que ser moito máis extensa, moito máis grande, debería estar comarcalizada en todos os sentidos. Aínda por riba, esa candidatura de consenso vetaba esas candidaturas pequenas [reférese ás mareas municipalistas que non pertencen ás grandes áreas urbanas], daquela iso para nós nen era pluralidade nen transversalidade nen moito menos de base. Entón, pois iso, decidimos organizar unha lista para dar cabida a toda esa xente da esquerda nacional que está en mareas pequenas e grandes e que non se sentían representadas na de consenso, máis que nada.

-A de consenso é unha candidatura máis urbanita, digamos...?

-Eu o que diría é que todos os espazos teñen que estar igualmente representados, tanto os das grandes cidades como os das vilas medianas como os das pequenas vilas ou os concellos do rural. Entón pois iso é o que nos empurrou a apresentar unha candidatura. Os pactos que se estaban a dar por arriba, de cúpulas, pois tampouco nos convencían, e así xuntamos xentes das provincias, fixemos as nosas pequenas asembleas, e animámonos a impulsar a nosa propia candidatura.

-Hai unha cousa que surprende un chisco: o feito de que cadros de Anova vaian en distintas listas, en contraste coa aposta de Beiras pola candidatura oficial...

-Eu penso que a candidatura tense que ver nos termos das mareas ás que representa, grandes, pequenas e medianas. Para min, Beiras -non só para min, para toda a nosa candidatura- continúa a ser o referente político no que nos envorcamos, e, ben, neste preciso momento non coincidimos de forma idéntica no modo de conformar estas candidaturas. Pero non hai nada máis. Dentro de Anova non existe esa fricción. De feito, na nosa lista hai xente de Anova, mais tamén moitísima xente que vén do movimento asociativo, sindical, do cooperativismo. Xente de base, xente nacionalista, cremos no proxecto de esquerda nacional e, ben, aí estamos pelexando, pelexando no bon sentido. Digo no bon sentido porque calquera que sexa o resultado destas tres listas que concorremos, será bon para o proxecto, bon para fortalecer En Marea, bon para fortalecer o proxecto da esquerda nacional ao longo de todo o país.

-No Documento Político que acompaña a vosa candidatura, falades explicitamente do termo nacionalista. Sodes a lista máis nacionalista das tres?

-Non me gusta nada, nunca me gustou, nen no pasado nen agora, iso de sacar carnet de nacionalista, a ver quen é máis nacionalista de todos, nós poñemos o noso programa, pero, ben, entendo que as outras listas tamén comparten. De feito houbo un proceso de confluencia, cunhas teses que saíron dun grande plenario que se deu en xullo en Vigo, onde se recoñecía o dereito de autodeterminación dos pobos e, como tal, todas as figuras políticas que se sumaron a esta nova organización, como a xente a nível de adscrición individual, pois eu entendo que así o aceitan. Non creo que a nosa lista sexa máis nacionalista que as outras. O que si levamos por diante é que cremos no proxecto de En Marea. Temos moi claro que Luís é o noso candidato. Apoiamos incondicionalmente que sexa a portavocía única [e enfatiza única] de En Marea. Non está na nosa intención poñelo en cuestión baixo ningún conceito, máis ben todo o contrario. Ademais consideramos que unha bicefalia nestes momentos de consolidación e crecimento pois sería absolutamente prexudicial para o proxecto de En Marea.

-Chama moito a atención que Villares teña máis apoios nas candidaturas alternativas do que na oficial na que el vai integrado.

-Pois, claro, facer unha análise, unha síntese, da candidatura Máis Alá [a oficial], creo que se chama así, sobre estas cuestións... pois eu non estiven nas negociacións desta lista de consenso, non sei o que alí se falou. Si sei o que falamos na conformación da nosa. Pero máis alá non podo opinar. O que si temos claro é que na nosa candidatura mostramos o apoio explícito á figura de Luís Villares de En Marea.

-Para vós tería que ser o único cargo unipersoal da organización?

-Si, agora mesmo, si. Pensamos que sería a mellor opción para consolidar o proxecto.

-Coa perspectiva que dá o tempo, desde as eleccións galegas de setembro até aquí, como analisa a vosa candidatura o feito de que os resultados eleitorais, embora situaren En Marea como segunda forza no Parlamento, estivesen algo por debaixo das expectativas?

-Ben, a ver, os resultados... viñemos de AGE, con 9 deputados, agora conseguimos sumar 5 ao proxecto, que non é idéntico, mais, bon, viña dos alicerces que criou AGE... eu penso que os resultados foron moi bons para os tempos en que nos movemos, ora, é verdade que temos agora dous anos por diante para as próximas eleccións [reférese ás municipais de 2019] e si que non se nos perdoaría que non estivésemos á altura das circunstancias nas próximas eleccións. Mais, bon, canto ás eleccións ao Parlamento da Galiza eu penso que a Marea colleitou uns moi bons resultados e que os estamos a defender moi ben. Non podemos poñernos peros. Repito. Agora temos moito traballo que facer, moitos fíos que tecer, moita rede para chegar a todos os lados. Levar as nosas propostas, escoitar as demandas que as veciñas e os veciños nos fagan chegar e darlle, pois, forma política dentro da institución que se cadra é onde menos me gusta estar porque, ben, nós levamos por bandeira o traballo de rúa, que é o que nos abandeira un pouco.

-Algunhas persoas afirman que o debate no seo de En Marea está condicionado polo paralelo que se vive no conxunto do Estado no interior de Podemos. Ti velo así?

-Non o vexo así. De feito, levamos agora desde o mes de outubro con actividade parlamentar. Somos 14 persoas, 14 deputadas e deputados, que estamos a remar todos na mesma dirección, tanto nas propostas como no organizativo ou no plano político de En Marea, e penso que non é así. Tamén é verdade que non intento inmiscirme moito nas organizacións doutros compañeiras e compañeiros. Mais, bon, eu non comparto que exista esa fenda agora mesmo porque o grupo parlamentar está a funcionar ben. As coordenadoras... eu tampouco formaba parte delas... e na miña localidade -fáloche da miña comarca, unha comarca moi pequena- pois temos moita militancia e estamos traballando moi ben e con todas as organizacións xuntas. Así que eu non vexo tal tema.

Comentarios