Moncho Reboiras tamén foi homenaxeado en Teis

Teis, barrio vigués, lembrou este sábado a figura de Moncho Reboiras, nunha homenaxe popular apoiada por diversas organizacións da esquerda e do independentismo, con motivo do 47 aniversario do seu asasinato a mans das forzas franquistas.

Homenaxe a Reboiras en Teis, o 13 de agosto de 2022. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe a Reboiras en Teis, o 13 de agosto de 2022. (Imaxe: Nós Diario)

A “incomensurábel dimensión” da figura de Moncho Reboiras foi conmemorada este sábado no barrio obreiro de Teis, en Vigo, onde viviu o que fora militante da Unión do Povo Galego (UPG) e que faleceu após ser asasinado polas forzas franquistas o 12 de agosto de 1975 en Ferrol.

O acto foi conducido por Cati Collazo e contou coas intervencións de Óscar Pampillón (membro da Comisión Vigo 72), Abraám Alonso Pinheiro e Pancho Niño Ricoi. Tamén houbo lugar para a música, coa interpretación do Himno do Antigo Reino da Galiza e da canción obreira “Traballador Galego”.

Homenaxe a Reboiras en Teis, o 13 de agosto de 2022 (Imaxe: Nós Diario).
Homenaxe a Reboiras en Teis, o 13 de agosto de 2022 (Imaxe: Nós Diario).

Rosas vermellas foron depositadas á beira da placa que inmortaliza que neste barrio viviu o “máis destacado referente da loita de liberación nacional e emancipación de clase da Galiza mais contemporánea”, en palabras dos organizadores, que puxeron fin ao acto cantando o Himno Nacional.

O de Teis seguiu as ofrendas florais convocadas na mañá da sexta feira pola UPG e o Movemento Arredista no cemiterio de Imo (Dodro), onde descansan os restos de Reboiras. Previamente, tivera lugar o acto do Concello de Dodro de inauguración da rúa co nome do significado militante nacionalista.

Na tarde da sexta feira tamén decorreu a tradición homenaxe que lle rende cada ano a UPG a un dos seus principais referentes.

Os actos de lembranza a Reboiras concluirán este domingo, ás 21 horas, en Dodro, cunha palestra organizada polo BNG da localidade.

Comentarios