O nacionalismo homenaxea Moncho Reboiras

O 12 de agosto, en Dodro.
Acto organizado pola UPG, que Reboiras liderou, este 12 de agosto en Ferrol.
photo_camera Acto organizado pola UPG en homenaxe a Moncho Reboiras o 12 de agosto de 2021 en Ferrol.

O vindeiro 12 de agosto, data do aniversario do asasinato do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, desenvólvense diversos actos en lembranza deste dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) asasinado pola policía franquista en 1975 en Ferrol.

A UPG dedica o propio día 12 a homenaxear a Reboiras. O primeiro dos actos arrancará ás 12 horas no cemiterio de Imo (Dodro), continuará cun xantar popular en Fene, coa intervención de Duarte Correa, e rematará ás 19 horas  na praza de Armas de Ferrol, cun acto político en que falarán o secretario de zona da UPG en Ferrol, Manuel Polo, a secretaria xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Iria Carreira e o secretario xeral da UPG, Néstor Rego

O Movemento Arredista rende tributo a Reboiras tamén o 12 de agosto nun acto no cemiterio de Imo ás 13 horas, onde tomará a palabra o concelleiro do BNG en Dodro, Xoán Bautista, o militante de Isca Manuel Nores, a dirixente da formación Ximena González e o membro da Executiva da CIG Anxo Noceda.

A Fundación Moncho Reboiras, ligada á CIG, estará, tamén, presente no cemiterio de Imo para realizar unha ofrenda floral diante da tumba de Reboiras.

Os actos en homenaxe a Reboiras terán continuidade o 13 de agosto na praza do Mercado no barrio vigués de Teis. Alí decorrerá un acto no que intervirán Cati Collazo, Óscar Pampillón, o membro da Comisión Vigo 72 Guillermo Fontán, a dirixente xuvenil Inmaculada Alonso e o militante comunista, Martín Cordeiro.

Os actos fecharanse o domingo 14 de agosto ás 21 horas en Dodro, cunha palestra organizada polo BNG da localidade.

Comentarios