Debate de investidura

VÍDEO | O PP xustifica o "Hijo de puta" de Ayuso a Sánchez após defender que dixera "Me gusta la fruta"

O presidente en funcións referiuse a un presunto caso de corrupción na familia da líder madrileña, que respondeu con estas palabras que captaron as cámaras.
Isabel Díaz Ayuso, hoxe, desde a tribuna de convidados do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, hoxe, desde a tribuna de convidados do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Deputados e deputadas do PSOE acusaron a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, de insultar hoxe o presidente en funcións do Goberno español e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, desde a tribuna de invitados do Congreso na sesión de tarde do debate de investidura. Na súa réplica ao líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, Sánchez asegurou que o anterior presidente do PP, Pablo Casado, "alertou sobre un probábel caso de corrupción por parte da presidenta da Comunidade de Madrid" e que a resposta de Feixoo foi "evacuar o señor Casado nun golpe de man e botar por terra a ese caso de corrupción da señora Ayuso".

E Díaz Ayuso, que estaba na tribuna de invitados mirando o móbil, escoitou esa mención e reaccionou cunhas palabras que varios deputados do PSOE interpretaron como un insulto a Pedro Sánchez. "A intelectual Díaz Ayuso chama 'fillo de puta' ao presidente Sánchez", escribiu na rede social X o deputado Arnau Ramírez. "É o exemplo do baixísimo nivel que teñen os convidados do PP", comentou Montse Mínguez, secretaria xeral do grupo socialista.

Para a ministra Portavoz en funcións, Isabel Rodríguez, a líder do PP de Madrid "perdeuse a primeira clase de respecto ao decoro parlamentario". E noutra mensaxe da rede antes coñecida como Twitter, instou Núñez Feixoo a exixir "unha rectificación urxente" a Díaz Ayuso. "Achegando argumentos contundentes no Debate de Investidura", ironizou tamén Cristina Narbona.

"Ayuso marcha da tribuna do Congreso na segunda réplica de Sánchez, non sexa que as cámaras a volvan pillar dicindo que lle gusta a froita", chanceou o deputado Francisco Aranda. Porque, de feito, fontes do gabinete de Díaz Ayuso aseguraron a preguntas do xornal El País que o que ela realmente dixo foi "Gústame a froita" ("Me gusta la fruta"). As cámaras captaron o momento.

Cando Feixoo subiu á tribuna para utilizar a súa segunda quenda de palabra, o primeiro que fixo foi recriminar a Sánchez que "insultase" os seus compañeiros de partido, e citou Manuel Fraga, José María Aznar, Mariano Raxoi e os presidentes autonómicos, con especial mención á madrileña e mais "a súa familia".

Esas palabras provocaron balbordo no hemiciclo, o que levou á presidenta do Congreso, Francina Armengol, a pedir a "tranquilidade" a todos os presentes, incluídos a quen segue o debate "desde a tribuna". "Pídolles que se tranquilicen e que ninguén insulte a ninguén, por favor, esta é a casa da palabra, do templo da palabra e da democracia", dixo.

Previamente, Armengol xa pedira silencio en polo menos outras dúas ocasións e convidara ás súas señorías para pensar na imaxe que transmiten aos cidadáns co seu comportamento. "Oíronse insultos, por favor, comportense con respecto á sede da soberanía nacional e, por tanto, á cidadanía", rogou.

Cambio de versión

Porén, finalmente desde o PP mudaron a versión dada inicialmente sobre o gusto da presidenta madrileña pola froita e recoñeceron que insultou o presidente Sánchez, mesmo chegando a xustificar o "hijo de puta". "[O de Sánchez] Foi un comentario moi machista. Sánchez criticou a honorabilidade da presidenta, meteuse con quen non pode defenderse. É rastreiro e sucio", precisaron fontes do partido citadas por eldiario.es. Aliás, desde o gabinete de Ayuso engadiron á Cadena SER: "É o mínimo que merece".

Comentarios