Miguel Corgos substitúe Valeriano Martínez á fronte de Facenda

Ocupou diferentes cargos na Administración pública, tamén no Goberno bipartito, até que en 2009 foi nomeado director xeral de Orzamentos.
Miguel Corgos, nunha imaxe de arquivo (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera Miguel Corgos, nunha imaxe de arquivo (Foto: Xoán Crespo).

Miguel Corgos López-Prado, quen ocupaba a Dirección Xeral de Orzamentos desde a chegada a San Caetano de Alberto Núñez Feixoo en 2009, vén de ser nomeado novo conselleiro de Facenda, en substitución do recentemente falecido Valeriano Martínez.

O presidente da Xunta asinou este sábado o decreto que sitúa Corgos á fronte desta carteira. A toma de posesión celebrarase na segunda feira, após se publicar a norma no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Corgos, nado na Coruña en 1971, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña (UDC), e ten un Mestrado en Administración Financeira e Tributaria, tamén na UDC, e un posgrao en Auditoría de Contas (UDC-REA).

Entrou na Consellaría como funcionario en prácticas da Intervención Xeral da Galiza no ano 2000, e en 2002 foi nomeado xefe do servizo de relacións co Consello de Contas no mesmo departamento.

Ocupou varios cargos na Administración, tamén durante o Goberno bipartito de PSdeG e BNG, até que en 2009 accedeu á Dirección Xeral de Orzamentos da man da primeira conselleira de Facenda de Feixoo, Marta Fernández Currás.

Agora, como titular de Facenda Miguel Corgos ten como principal reto a presentación e aprobación dos Orzamentos de 2022 en tempo e forma.

A data límite de entrada no Parlamento para que poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro é a vindeira cuarta feira, 20 de outubro.

Comentarios