Pesar polo falecemento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, aos 60 anos de idade

Dunha parada cardiorespiratoria cando estaba no seu despacho.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez (Xoán Crespo/ Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez (Xoán Crespo/ Europa Press)

O conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez, faleceu na mañá desta cuarta feira no seu despacho dun infarto. A nova causou unha grande sorpresa e pesar na política galega, onde líderes políticos e organizacións amosaron o seu pesar pola morte.

Fontes da Xunta confirmaron que o falecemento do conselleiro produciuse no seu despacho de San Caetano, onde se atopaba traballando e foi atendido polos servizos de emerxencias, que non puideron facer nada por salvar a súa vida.

O presidente galego, Núñez Feixoo, dirixíase cara ao acto de Conxemar, en Vigo, cando foi informado da morte do conselleiro, que se produciu ao redor das 13:30 horas, e cancelou a súa participación no evento. Pouco despois de confirmarse oficialmente a noticia, o Executivo galego ratificou que suspendía a axenda de todos os cargos da Xunta.

"Un bo rapaz"

"Un borapaz". Así definen os seus colaboradores a Valeriano Martínez García, que desde 1985 traballou para a Administración, sempre a carón do actual presidente da Xunta, quen o elixiu como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015.

Os seus compañeiros destacan a alma de "servidor público" de quen faleceu esta cuarta feira, de feito, en acto de servizo, mentres traballaba no seu despacho da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano en Santiago, coa elaboración dos orzamentos galegos para 2022 sobre a mesa.

A súa relación con Feixoo remóntase aos primeiros pasos da administración galega. No primeiro Goberno de Manuel Fraga coincidiron na Consellaría de Sanidade, ocupando unha subdirección xeral Valeriano Martínez cando era titular do departamento José Manuel Romay Beccaría e secretario xeral o actual xefe do Executivo galego.

Estaba casado e tiña un fillo, e presumía da súa orixe na ría de Aldán

Traxectoria

Martínez nacera en Aldán (Cangas) en 1961, e era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración. Desde 1985 era funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda

Até o seu nomeamento como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015 exerceu como secretario xeral da Presidencia da Xunta. Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeneral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galiza.

Comentarios