23-X

As mentiras e "inexactitudes" de Feixoo irrompen na recta final da campaña fronte aos mitos do "moderado" e o "gran xestor"

Núñez Feixoo chegou á Xunta da Galiza en 2009 marcado polas mentiras. Unha parte delas afectaban a xestión do Goberno bipartito; outras, os seus membros. Porén, a sociedade española non soubo do estilo de facer política do líder do PP até esta campaña electoral.

Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, nun acto de campaña en Palma. Na cuarta feira suspendeuna temporalmente a conta "dun tirón nas costas". (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

As icónicas fotografías de Alberto Núñez Feixoo nun iate con Marcial Dorado tomadas a mediados dos 90 deron nas últimas horas o salto á prensa internacional e o propio líder do PP estatal ficou esta cuarta feira —nunha xornada na que suspendeu temporalmente os actos de campaña a conta "dun tirón" nas costas— de novo no foco da polémica, após ser interpelado no programa Al Rojo Vivo de La Sexta ao fío das críticas vertidas desde o resto de forzas políticas. Feixoo, que dixo estar "canso" do asunto, volveu negar ter coñecemento dos ilícitos negocios do contrabandista mentres mantivo relación con el.

"Agora é máis fácil saber cousas, hai internet, hai Google... Mais reitero que até que o coñecín non tiña ningunha causa relacionada co narcotráfico", escusouse esta cuarta feira. Porén, Dorado xa protagonizara as principais portadas en 1990 após ser detido no marco da ‘Operación Nécora’ e a prensa sinalábao como un dos principais ‘capos’ da droga canda Manuel CharlínSito Miñanco ou Laureano Oubiña. E houbo centos de publicacións nos medios anteriores ás fotos no iate que acreditaban a súa relación co contrabando e o narcotráfico.

Desas fotos, respondía ao xornalista Antonio García Ferreras, "hai xa 30 anos", "Xa din todas as explicacións no Parlamento galego, e comprenderá vostede que isto é moi canso. Dígollo desde a máis absoluta cordialidade, se isto é todo o que teñen", defendeu o ex presidente da Xunta. Esas "explicacións" na Cámara ás que aludiu foron consideradas insuficientes polas forzas da oposición —daquela PSOE, AGE e BNG—, que pediron en bloque a súa dimisión. Feixoo afirmara que a súa relación co contrabandista "limitábase a momentos de lecer; nin máis, nin menos".

E non só Marcial Dorado protagoniza a recta final da campaña, pois cada vez máis voces acúsano de "mentir" nas súas intervencións en mitins, debates e entrevistas. O pasado 17 de xullo, a xornalista de TVE Silvia Intxaurrondo acusouno de faltar á verdade após afirmar que o seu partido "nunca deixou de revalorizar as pensións conforme o IPC" e que "o único que o fixo foi o PSOE; e, por certo, Pedro Sánchez era deputado". Esas palabras chegaban unha semana máis tarde dun 'cara a cara' con Pedro Sánchez no que o líder popular non dubidou en terxiversar e alterar os datos segundo lle conviña. Chegou a asegurar que entre 2018 e 2019 promovera como presidente da Xunta 2.500 vivendas de protección oficial; porén, os datos oficias do Goberno español e o galego reducíronas a 12.

Non quixo estar presente Feixoo no debate que na noite desta cuarta feira organizou RTVE e ao que si asistiron, pola contra, os líderes do PSOE, Pedro Sánchez; Sumar, Yolanda Díaz, e Vox, Santiago Abascal. Desde o PP impuxeron un único debate, o 'cara a cara' entre os líderes popular e socialista, en Atresmedia e non noutras corporacións que tamén se ofreceran como Prisa ou os propios medios públicos, aos que Feixoo ve "pouco neutrais" mentres os da Galiza, a CRTVG, levan máis dun lustro de protestas contra a "manipulación" e a "censura" e ten abertas varias causas xudiciais por "represalias" a xornalistas. Sánchez e Díaz afearon a ausencia de Feixoo no debate de RTVE e acusárono de "agocharse".

Santiago Abascal, Yolanda Díaz e Pedro Sánchez, no debate de RTVE. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Santiago Abascal, Yolanda Díaz e Pedro Sánchez, no debate de RTVE. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O 'recurso' da mentira en campaña

Pero o recurso da mentira por parte de Feixoo para facer valer os seus argumentos non causou sorpresa na Galiza. O seu libro de estilo político era coñecido desde as eleccións galegas de 2009, cando chegou á Presidencia desacreditando con falsidades e medias verdades as propostas do Goberno de PSdeG e BNG e os seus principais dirixentes. Naquela campaña o PP conseguiu por esa vía mobilizar o electorado propio e desmobilizar a base social dos seus adversarios. Aquela campaña estivo marcada pola dura crise económica que comezaba a sentir a cidadanía en forma de destrución de emprego. Nese contexto, Feixoo prometeu rematar co paro en só 45 días e a aprobación dun Plan autonómico de emprego para os cinco anos posteriores. Mais a lexislatura rematou en 2012 con 113.000 parados máis e sen ningunha planificación na materia.

A austeridade era a principal receita dos populares naquela campaña. Así, non dubidaron en acusar de excesivo gasto o Goberno bipartito, denunciando que o vicepresidente da Xunta da Galiza, Anxo Quintana, tiña "un bar" no interior do seu vehículo oficial. Porén, onde o PP vía un bar só existía unha neveira móbil, das usadas por persoas e familias para días de praia e campo, para manter frescas unhas botellas de auga. As políticas máis transformadoras do Goberno PSOE-BNG centraron as insidias do PP de Feixoo, que non dubidou en cargar contra o banco de terras, promovido pola Consellaría de Medio Rural —dirixida por Alfredo Suárez Canal—, afirmando que quitaba aos labregos a propiedade dos predios e prometendo a súa derrogación. A medida non tardou en ser asumida polo Executivo do PP como propia, sendo hoxe un dos eixos estratéxicos da súa política para o campo.

O PP de Feixoo chegou a suxerir que Anxo Quintana cometera actos de violencia machista 

A eliminación do adversario fai parte do manual de estilo político das opcións da dereita máis extrema. Nesta liña enmarcouse a campaña desenvolvida polo PP contra Anxo Quintana durante a proceso electoral galego de 2009, onde responsábeis populares como o daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, e outros dirixentes do círculo máis próximo a Núñez Feixoo difundiron diversas insinuacións sobre a vida persoal do dirixente nacionalista, chegando a suxerir que cometera actos de violencia machista.

As eleccións de 2016

As mentiras acompañaron Núñez Feixoo durante todas as súas campañas electorais na Galiza. Neste sentido, resultou paradigmático o debate na TVG entre os candidatos á Presidencia da Xunta nos comicios de 2016, onde Núñez Feixoo deu por fechada a cuestión da quebra das caixas galegas sinalando que había un ditame dunha comisión do Parlamento que o eximía de calquera responsabilidade no asunto. Pola contra, como lle retrucou naquela ocasión a voceira do BNG, Ana Pontón, a comisión parlamentaria nin chegou a conclusións, nin rematou os traballos de investigación, nun tema que xerou un furado de máis de 8.000 millóns de euros.

As propostas económicas representaron o núcleo do programa electoral de Feixoo naqueles comicios de 2016. Entre outras, prometía situar a débeda pública galega por baixo de 5% do Produto Interior Bruto (PIB) ao remate da lexislatura. Se por volta de 2008 a débeda fechara en 3.954 millóns, representara 6,80% do PIB e significara unha carga para cada galega de 1.429 euros, doce anos máis tarde ascendeu até 11.551 millóns, significou 20,1% do PIB e anotou unha contía de 4.213 euros por habitante. A xestión económica de Feixoo á fronte da Xunta da Galiza, de feito, impugna o relato do bo xestor. Ligou a activación da construción naval na ría de Vigo á compra do estaleiro de Barreras pola empresa pública mexicana Pemex, chegando a prometer en 2013 a construción en Vigo de varios buques off shore, barcos de abastecemento, atuneiros e mesmo un proxecto para se instalar na Punta Langosteira, na Coruña. Finalmente só se chegou a construír un flotel, abandonando o investimento a compañía mexicana e rematando no cárcere condenado por corrupción Emilio Lozoya, presidente de Pemex, con quen Feixoo negociou directamente a venda do estaleiro vigués.

Chegados ás eleccións de 2020, unha das propostas estrela do PP de Feixoo foi a consideración a efectos fiscais das parellas de dous fillos como números. No seu discurso de investidura de setembro dese ano asegurou que "no inicio desta lexislatura, Galiza volverá estar á cabeza das políticas de apoio á familia, equiparando, a efectos do IRPF, os fogares monoparentais ou con dous fillos ás familias numerosas, e outorgándolles unha bonificación de 250 euros por cada neno desde o terceiro". O percorrido da proposta chegou até xullo de 2021. Naquela altura, coincidindo coa presentación do Plan de Familias Numerosas da Xunta, Feixoo recoñeceu que non o ía a levar a cabo, afirmando que "efectivamente no noso programa electoral ía a proposta de considerar familias numerosas a aquelas que teñen dúas ou máis fillas"; porén, "no programa que aprobamos hoxe non está considerada".

A lista máis votada... e Vox

E as súas "inexactitudes", como deu en chamar á falsa afirmación enunciada a respecto das pensións en TVE, chegan tamén ao presente ano. No ‘cara a cara’ con Sánchez entregoulle un documento ao presidente español no que requiría o seu compromiso para garantir "que goberne a lista máis votada", e xa en xaneiro aseguraba que nos concellos debía garantirse "que sexa alcalde quen recibise o maior número de votos". Mais após as eleccións do 28 de maio o PP pactou con Vox en municipios como Elxe, Valladolid ou Burgos e autonomías como Estremadura, onde a lista máis votada fora a do PSOE. Un PSOE que si deixou gobernar aos populares en 2016 —daquela con Mariano Raxoi á fronte—, como forza máis votada, pero que non foi correspondido en abril de 2019, nun escenario análogo mais á inversa.

Os pactos coa extrema dereita son outra cuestión na que salienta a "inexactitude" das palabras de Feixoo nos últimos tempos. O entón presidente da Xunta dicía en 2020, cando as enquisas albiscaban para o seu partido unha nova maioría absoluta e deixaban Vox fóra do Parlamento: "Non é posíbel, non teño ningún interese nin compromiso de pactar con Vox. E non o farei porque non creo que ese pacto sexa bo para os galegos". De "populistas", "insolidarios" e "reaccionarios" cualificaba noutrora os mesmos ultraespañolistas aos que agora tende a man: "Se lle teño que pedir a Vox o 'si', o lóxico é que forme parte do meu Goberno", dixo o pasado 3 de xullo ao xornal El Mundo.


A marcha a Madrid após anunciar un mandato máis

O 6 de xullo de 2021, Núñez Feixoo defendía a súa candidatura á Presidencia do PP da Galiza sinalando que "son un militante que quere volver ser presidente do partido. Non hai outra cuestión no horizonte". Precisamente nese contexto, onde os populares galegos realizaban un congreso para renovar a dirección e definir as políticas para os vindeiros catro anos, o aínda mandatario galego afirmaba: "Vou tentar esgotar o mandato como presidente da Xunta, iniciarei outro como presidente do partido e cando haxa que decidir a Presidencia da Xunta estaremos noutro momento absolutamente distinto". As palabras non resultaban novas.

A carreira no Estado

A idea de manterse na súa responsabilidade á fronte do Goberno galego "até o final de lexislatura" fora enunciada en diversas ocasións ao longo de todos os seus mandatos. Tanto é así, que un dos argumentos enunciados para non presentarse a suceder Mariano Raxoi en xuño de 2018 era: “comprometinme cos galegos até 2020. Eu sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos porque sería tamén fallarme a min mesmo”. Nesa mesma dirección, vai incidir en múltiples ocasións, afeando a outros dirixentes abandonar os cargos para os que tiñan sido electos antes de tempo.

Uns meses despois, o 16 de febreiro de 2022, Alberto Núñez Feixoo púñase á cabeza dun movemento interno para acabar co liderado de Pablo Casado e facía pública as súas intencións de dirixir o Partido Popular a nivel estatal. Finalmente, o 29 de abril facía efectiva a súa renuncia á Presidencia.

Comentarios