23-X

Feixoo suspende temporalmente a campaña por causa "dun tirón" nas costas

Sobre se continuará o que resta de campaña, Feixoo non o aclarou e simplemente se limitou a dicir que vai "tentar" recuperarse da lumbalxia que sofre actualmente.
Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O candidato do Partido Popular á Presidencia do Goberno español e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, vén de anunciar que suspende esta cuarta feira a campaña por caus “dun tirón” nas costas que supostamente sufriu na terza feira.

Segundo explicou el mesmo no programa Al rojo vivo, da canle La Sexta, "ao levantarme da cadeira nos estudos do programa Espejo Público [aludindo a unha recente entrevista en Antena 3], sufrín un tirón porque levo tempo sen facer deporte e paseino francamente mal".

Ademais, engadiu o candidato popular que lle ixectaron "Urbason para intentar facer o mitin que tiña en Palma [de Mallorca], e finalmente puiden", asegurou. Após o acto, porén, el e mais o seu equipo valoraron non acudir ás illas Canarias pola lumbalxia, alén de polos incendios que están a arrasar a zona, porque non lle parece "razoábel".

Feixoo acusou levar "tres semanas sen facer deporte", desde o inicio da carreira electoral, dixo, antes de precisar que, cando sufriu a lumbalxia, pasouno "francamente mal". Con todo, visitou un fisioterapeuta e ten previsto viaxar a València ás 19 horas desta mesma tarde.

Sobre se continuará na primeira liña durante o que resta de campaña, o candidato do PP á Presidencia do Goberno español non o aclarou e simplemente se limitou a dicir que vai "tentar" recuperarse da lumbalxia que sofre actualmente. "Estou con medicación, sigo activo e por suposto tentarei acabar a campaña, con dor ou sen el", resolveu.

Comentarios