A viraxe discursiva de Feixoo: de vetar Vox por estar "en contra da Galiza" a ver "lóxico" gobernar con Abascal

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno español vén de recoñecer abertamente, por vez primeira, que tenderá a man ao ultraespañolismo para chegar á Moncloa: "Se lle teño que pedir a Vox o 'si', o lóxico é que forme parte do meu Goberno". Estas declaracións supoñen unha importante viraxe após defender previamente, en reiteradas ocasións, que consideraba un "erro" gobernar con Vox, a quen cualificou de "populista", de "predicador" e de "non ser bo para os galegos".
Alberto Núñez Feixoo, nun acto do PP. (Foto: Mateo Lanzuela / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nun acto recente do PP. (Foto: Mateo Lanzuela / Europa Press)

"Non é posíbel ese pacto, non teño ningún interese nin compromiso de pactar con Vox, e non o farei porque non creo que ese pacto sexa bo para os galegos". Daquelas palabras pronunciadas por Alberto Núñez Feixoo en febreiro de 2020, ás portas das eleccións galegas, pasou moito tempo... e moitas cousas. Hoxe non é nin presidente da Xunta nin candidato a revalidar o cargo, pois aspira a chegar á Moncloa liderando un PP que, agora si, está disposto non só a pactar, senón a gobernar da man da extrema dereita.

Dicía entón Feixoo, a quen a prensa madrileña colgou a etiqueta de "moderado", que non se debía "dar categoría" a un partido que segundo as enquisas —as mesmas que lle anticipaban unha nova maioría absoluta— non tería representación parlamentaria e que, aliás, "sempre que fala está en contra da Galiza". "Vox está en contra das comunidades autónomas. Canto máis falan, máis acreditan que non coñecen Galiza", acrecentaba, nunha entrevista en Los Desayunos de TVE.

A hemeroteca vai en contra dos postulados actuais do Partido Popular e do propio Núñez Feixoo a respecto de Vox. Xa en 2019, un ano antes de afirmar na previa dos comicios galegos que un pacto con Vox non era "bo para os galegos", o nese momento presidente da Xunta rexeitaba o apoio dos de Santiago Abascal após a cita municipal coas urnas, considerándoo "un erro": "Non son partidario de que Vox entre nos gobernos de PP e Ciudadanos".

En 2021 avogaba por fuxir das premisas de Vox: "Non debemos caer nas trampas, por exemplo, dos postulados nostálxicos, algo que nunca fomos. Non fomos xenófobos, insolidarios, reaccionarios... Iso deixámosllo a outros partidos".

E o pasado ano, un día despois de que o 'popular' Alfonso Fernández Mañueco abrise de par en par, por primeira vez na historia recente, as portas do seu gabinete á extrema dereita, concedendo a vicepresidencia ao líder de Vox en Castela e León, Juan García-Gallardo, Feixoo apuntaba: "Ás veces é mellor perder o goberno que gañalo desde o populismo".

En máis dunha ocasión nos últimos meses o líder do PP tense referido aos de Abascal como "populistas" e "predicadores". Insistiu, unha e outra vez, en que o PP "non é Vox", e mesmo que o seu partido se trabucou dando "algún xiro" no que "parecía que ía pactar" co ultraespañolismo, algo que, recoñecía, "preocupou a moita xente". E máis lonxe foi en marzo de 2022 quen hoxe é o seu vicesecretario xeral institucional, Esteban González Pons: "Vox é un partido de extrema dereita [...] Nós temos que definir as nosas relacións con quen xeograficamente están aos nosos costados".

Todo ese argumentario contra a extrema dereita, xa posto en dúbida ao abeiro dos múltiples pactos de goberno entre PP e Vox en diferentes concellos e comunidades autónomas tras a cita do pasado 28 de maio, quedou definitivamente soterrado esta segunda feira polo propio Feixoo nunha entrevista en El Mundo na que afirmou, sen titubeos, que tenderá a man a Santiago Abascal após as eleccións do 23 de xullo: "Se lle teño que pedir a Vox o 'si', o lóxico é que forme parte do meu Goberno".

Comentarios