18-F

Marta Lois asegura que "velará e exixirá" que se cumpran "os compromisos de Alcoa" coas persoas traballadoras

Se os galegos e galegas escollen "voto progresista" como nas eleccións estatais do paso mes de xullo, haberá "cambio histórico" na Galiza, afirmou a candidata de Sumar.
Marta Lois duarante un encontro coa veciñanza da Mariña en Viveiro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marta Lois duarante un encontro coa veciñanza da Mariña en Viveiro. (Foto: Nós Diario).

A candidata de Sumar á presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, afirmou que a súa formación "velará e esixirá" porque se cumpran "os compromisos de Alcoa" cos traballadores da factoría da Mariña.

En declaracións aos medios este sábado no municipio de Viveiro, Lois sinalou que "hai moitos compromisos" cos traballadores que se deben "cumprir e garantir" e defendeu que Sumar, "tamén desde o Goberno progresista", espera "manter o control e vixilancia deses compromisos".

Con todo, a candidata de Sumar sostivo que A Mariña necesita "un plan industrial que vaia máis aló de Alcoa" e que aposte polas enerxías renovábeis, para que a comarca "siga estando presente e permita ter futuro para os mozos".

Encontro coa veciñanza

Marta Lois aproveitou esta xornada en Viveiro para manter un encontro con veciños dunha comarca que, lamentou, ten "moitos problemas que veñen de moito tempo atrás", que teñen que ver "coas infraestruturas ou unha sanidade desmantelada".

"Faltan pediatras, está colapsada a Atención Primaria, o PAC de Burela está sen equipamento nin persoal, hai un clamor por facer un xiro de 180 graos e en Sumar Galicia levamos unha aposta clara por investir en sanidade", manifestou, antes de comprometerse a apostar polos hospitais comarcais.

Lois mostrouse convencida de que se os galegos escollen "voto progresista como fixeron o 23 de xullo", haberá "cambio histórico" na Galiza, co que se garantirá tamén "un plan de rescate da Atención Primaria", que inclúe máximos de 48 horas para unha cita ou un máximo de 24 para unha urxencia. "Canto máis forte estea Sumar, máis sairá o PP da Xunta e empezará un tempo novo", valorou.

Comentarios