O mapa das concesións de buses precisa "correccións", admite Rueda

O presidente di que "o ideal sería un rescate" das autovías con peaxe
Diego Calvo, Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Diego Calvo, Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente galego, Alfonso Rueda, admitiu esta quinta feira, 2 de novembro, que o mapa galego de concesións de transporte por estrada pode necesitar "algunhas correccións" se ben, dixo, "na súa maior parte foron adecuadas", non na totalidade, abrindo así a porta a recoñecer que unha parte delas non o serían. Rueda tamén afirmou esta quinta feira que "o ideal sería un rescate" das autovías con peaxe en sombra que deseñara o seu antecesor, Alberto Núñez Feixoo, e que critica o Consello de Contas.

O Consello de Contas publicou recentemente dous informes de fiscalización, un sobre o transporte e outro sobre as autovías, dos que a Xunta da Galiza non sae ben parada: non actuou ante o impagamento das concesionarias do canon de transporte polas autovías e reordenou as liñas de bus sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación. Tamén advirte da "falta de eficiencia" do Goberno galego nas peaxes na sombra, ao pagar até 44 millóns de euros de máis.

A prensa preguntou esta quinta a Alfonso Rueda na súa comparecencia após o Consello da Xunta da Galiza por estas conclusións das dúas auditorías realizadas polo ente fiscalizador da Administración. A respecto das 'peaxes na sombra', o titular do Executivo Galego admitiu que "hai que facer as correccións que sexan posíbeis" e mesmo apuntou que "o ideal sería un rescate das concesións [das autovías de titularidade autonómica e xestionadas por empresas, existindo 'peaxes na sombra']" mais indicou que capacidade orzamentaria da Xunta da Galiza non o permite.

Sobre as concesións de transporte por estrada, Rueda recoñeceu que "haberá que facer algunhas correccións" se ben "na súa maior parte" o deseño xurídico desas concesións "foi adecuada". A maior parte, afirmou; non dixo todas. 

Isto, a pesar de que nas últimas semanas até sete sentenzas xudiciais anularon ou suspenderon adxudicacións de lotes de transporte por estrada da Xunta da Galiza

Contencioso

Na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, o presidente anunciou a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o Goberno español por invadir competencias autonómicas ao cobrar un canon a unha asociación instalada no porto de Bueu. 

Tamén deu conta de que Política Social creará 42 novas prazas de traballo, 10 para inspectoras, 28 para persoal de equipos de valoración de dependencia e discapacidade; e catro de traballadoras sociais.

Continuando en Política Social, anunciou unha convocatoria de prazas para concertos sociais. O primeiro deses concertos (4,4 millóns en catro anos) será para 33 prazas de atención diúrna de persoas con dependencia e con enfermidade mental. Explicou, ademais, que o Executivo galego vai destinar “un total de 96 millóns de euros para seis convocatorias, unha por cada tipo de discapacidade”: intelectual, física, autismo, dano cerebral, parálise cerebral e enfermidade mental. 

Matadoiro  móbil

Por último, o Executivo galego  tamén deu visto e prace á posta en marcha dun matadoiro móbil, "o primeiro no Estado",  que facilitará este servizo baixo demanda ás explotacións que así o requiran.

Comentarios