A Xunta aumenta a 85 millóns a partida de 'peaxes na sombra' após cuestionar Contas que "non foi eficiente"

O Goberno galego destinará en 2024 a 'peaxes na sombra' nas autovías da súa titularidade ao redor de 85,5 millóns, tres máis que o que pagou ás concesionarias deses viarios en 2023. O Consello de Contas criticara a semana pasada nun informe que a Xunta está a pagar de máis polas autovías de peaxe en sombra, o que a oposición reprochou esta segunda feira á Consellaría.
Obras na autovía da Costa da Morte, en 2016. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Obras na autovía da Costa da Morte, en 2016. (Foto: Xunta da Galiza)

Ethel Vázquez, titular de Infraestruturas e Mobilidade, compareceu na comisión de Economía do Parlamento galego para dar conta dos orzamentos da Consellaría que dirixe, e que para 2024 son de 592 millóns de euros, 2,4% máis que en 2023.

 Unhas contas, informou Vázquez, nas que a Xunta conxela "por segundo ano" as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. O Goberno galego asume a repercusión da suba da inflación e reserva unha partida de 5,5 millóns de euros para pagar con fondos públicos ás concesionarias desas dúas vías.

Non mencionou a conselleira na súa intervención os 85,5 millóns de euros que a Xunta vai pagar en 2024 polo resto de autovías con 'peaxe en sombra' -portaxe que paga a Administración e non directamente as persoas usuarias-, tres millóns máis que no exercicio en curso.

A finais da pasada semana o Consello de Contas, ente fiscalizador das Administracións galegas, cifraba en 44 millóns de euros o que o Goberno galego pagou de máis polas 'peaxes na sombra'. Un desembolso que deriva da modalidade de peaxe en sombra elixida para as autovías por Alberto Núñez Feixoo cando era presidente.

O BNG e o PSdeG reprocharon á Consellaría estes pagamos de máis ás concesionarias. "É un escándalo", afirmou o portavoz nacionalista na comisión, Luís Bará, que exixiu ao Goberno galego que asuma a súa responsabilidade por unha "renegociación" no seu día coas concesionarias destas autovías que levou "a aumentar o que lle pagabamos".

Pola súa parte, Patricia Otero (PSdeG), preguntou a Ethel Vázquez "por que non rescinden eses contratos coas concesionarias" e acusou o Goberno galego de saír "sempre en socorro das empresas".

Orzamento preso

Esas peaxes, máis os 71 millóns de euros en gasto extraordinario e ordinario en mantemento e conservación de estradas xera un orzamento 'preso' de 157 millóns, superior ao que se destinará a obra nova, que é de ao redor de 143 millóns.

A conselleira anunciou que a Xunta destinará 100 millóns de euros ao transporte público autonómico, para alén dos máis de 20 millóns para as estacións de autobuses intermodais. Cifrou, ademais, en 40 millóns o investimento nas vías de altas prestacións, variantes e acondicionamento de vías, especialmente coa prolongación da autovía da Estrada. cuxas obras arrancan hoxe.

Caída

Malia estes anuncios, determinadas partidas da Consellaría van sofrer en 2024 un importante recorte. Unha delas é a de construción e conservación de estradas, que en 2024 ten 257 millóns de euros, 12 millóns menos que en 2023. Ou planificación e xestión hidrolóxica, que pasa de 65 este ano a 52 millóns no exercicio 2024.

Comentarios