Orzamentos: novos recortes da Xunta en prevención da dependencia e na Risga

A oposición ve os orzamentos de Política Social "privatizadores".
A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Xoán Crespo)

Prevención da dependencia, a Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) ou os servizos sociais comunitarios son tres das partidas do proxecto de Orzamentos da Consellaría de Política Social para 2024 cun importe menor que o que teñen este ano. A conselleira, Fabiola García, explicou esta sexta feira en comisión no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro ano. 

"Este Goberno vai investir máis de 1.200 millóns de euros para que os galegos e galegas estean apoiados desde o berce até o bastón". Así expresou esta sexta feira Fabiola García o sentido dos orzamentos da súa Consellaría para 2024, dos que destacou que cos seus 1.206 millons de euros marcan un "récord" e que contemplan medidas "pioneiras" —e xa anunciadas nestas semanas polo presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda— como o bono de 5.000 euros para familiares de dependentes. 

A oposición, porén, non partillou o entusiasmo da conselleira. Iria Carreira (BNG) matizou que o incremento nos orzamentos do departamento a respecto dos de 2023 responden en boa parte a que "aumentaron as axudas, na liña da política da Xunta cara a un un modelo privado". A deputada nacionalista puxo o exemplo de que "é como se che dan unha axuda para ir ao médico privado na vez de garantirche un médico na pública". 

Marta Ortega (PSdeG) afirmou que a suba dos orzamentos para 2024 responde tamén a "que chegaron máis fondos estatais can nunca" e criticou á Consellaría de Política Social que manteñan a negativa a aceptar peticións recorrentes non só da oposición senón tamén desde entidades sociais, como recuperar a tarxeta básica ou facer compatíbel a Risga con outras prestacións, como o Ingreso Mínimo Vital (IMV). 

Minguadas

De feito, no proxecto de contas para 2024, a partida destinada á Risga sofre un recorte a respecto da contía deste ano. De case 47 millóns de euros pasa a 46,1. Para nacionalistas e socialistas, nun contexto de crise e con datos de pobreza e exclusión "preocupantes", estas medidas non poden explicarse. 

Ademais, a contía da renda de inserción galega sitúase á cola do Estado español. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Dereitos Sociais, as persoas beneficiarias da Risga percibiron unha axuda mensual de 423,68 euros, colocándose 67,13 euros por baixo da media estatal.

Tamén se recorta nas contas para 2024 a partida para a promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia, que cae en 19,4% ao pasar dos 75 millóns de euros deste ano aos 60,5 millóns previstos para 2024. A Galiza é o territorio que menos inviste en dependencia, segundo os datos da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais: o conxunto dos Gobernos autonómicos destinan de media ao financiamento deste servizo 74% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 65%. 

Fabiola García chamou a BNG e PSdeG a estar "máis a pé de rúa" para coñecer "as necesidades dos galegos", asegurando que a sociedade galega si apoia as políticas sociais da Xunta desenvolvidas nestes anos. Para pór o ramo, anunciou a conselleira  un programa de viaxes polo estranxeiro con descontos para os maiores de 65 anos que "queiran coñecer o mundo e vivir experiencias".

Comentarios