28-M

Cabezas volve exixir a "inmediata dimisión" de Xácome mentres Rueda se deixa ver con Baltar en Ourense

O candidato do PP á Alcaldía de Ourense denuncia o "presunto saqueo" do actual rexedor, na mesma xornada na que o presidente da Xunta e do PPdeG, que se fotografa canda Manuel Baltar malia as últimas polémicas que protagonizou.
O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)
photo_camera O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, compareceu esta terza feira ante os medios de comunicación nunha convocatoria urxente após os últimos audios que volven involucrar o actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome. Nesta liña, denunciou o "presunto saqueo" do rexedor, á vez que urxiu paralizar procedementos de contratación do Concello. Cabezas modificou a súa axenda e puxo no foco nos novos audios difundidos polo diario La Región, que apuntan a que o alcalde recoñece adxudicar a demolición do matadoiro cun sobrecusto para obter supostamente máis comisión.

En concreto, o dirixente 'popular' demandou "a inmediata dimisión" de Xácome, de Democracia Ourensá, e, como consecuencia, "o cesamento inmediato de todo o seu equipo de eventuais", así como "a paralización de todos os procedementos de contratación" do concello e, ademais, un pleno extraordinario para que se "dean as explicacións necesarias". Cabezas afirmou que se está pondo "fundamentalmente en xogo a cidade e aos seus cidadáns" e que a cidade das Burgas "vive unha situación de emerxencia, unha anomalía política" na que se fala de "feitos gravísimos que están a pasar neste momento".

"Eu non chamei corrupto a ninguén nin o farei xamais, pero neste caso é a propia persoa nunha narración feita por si mesma a que llo chama a el. Se conceptúa desa maneira, é gravísimo", manifestou Cabezas, en referencia a outro audio no que se escoita ao alcalde referirse a si mesmo nestes termos. "Indubidabelmente hai pingas que colman o vaso", expuxo, sinalando que, alén de todo o anterior, tamén queren coñecer "o grao de complicidade neste presunto saqueo".

Deste modo, asegurou que, por "todo o que non suceda desta maneira", exixirán "responsabilidades a todos os niveis". Así mesmo, avanzou que denunciarán as "presuntas irregularidades" na adxudicación da demolición do matadoiro e que ampliarán o escrito de denuncia á Fiscalía con todas as novas conversas coñecidas.

Ao mesmo tempo, anunciou que darán a coñecer todos estes feitos ao Consello de Contas e que todos os membros do grupo popular no Concello asinarán unha petición de pleno extraordinario, á que tamén convidan o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, para pedir a paralización de todos os procedementos de contratación.

No entanto, Cabezas indicou que "tal vez nestes momentos" o pleno extraordinario "sexa unha petición testemuñal", pero considera importante que se realice para que se "desen as explicacións oportunas" e para que o salón de plenos, "que é onde está depositada a confianza dos cidadáns", sexa o escenario para "pór en evidencia estes asuntos". A "sentenza electoral", dixo, chegará o vindeiro domingo 28 de maio.

Rueda e Baltar coinciden en Xinzo

Alfonso Rueda e Manuel Baltar apoiaron Antonio Fernández en Xinzo. (Foto: Nós Diario)
Alfonso Rueda e Manuel Baltar apoiaron Antonio Fernández en Xinzo. (Foto: Nós Diario)

Nesta mesma xornada o presidente da Xunta e líder dos 'populares' na Galiza, Alfonso Rueda, deixouse ver xunto ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, envolto aínda na polémica logo de coñecerse que recibiu dúas multas por exceso de velocidade o mesmo día e ao volante dun coche oficial, para apoiar o seu candidato á Alcaldía de Xinzo de Limia, Antonio Fernández.

Rueda, que segue sen aclarar se o PP adoptará algún tipo de medida disciplinar contra Baltar polo seu delito contra a seguridade viaria e que esta terza feira garda silencio en relación co feito de que o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, coñecese desde 2020 as presuntas irregularidades de Xácome en Ourense, centrou a súa intervención en lamentar que un "pacto de perdedores unidos nun estraño experimento de nula utilidade" arrebatou en 2019 a Alcaldía á súa formación, "que sempre gañou as eleccións en Xinzo".

Comentarios