O diario Público vén de publicar unha exclusiva en que aseguran que o ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo era coñecedor desde 2020 das irregularidades de Gonzalo Pérez Xácome á fronte da Alcaldía de Ourense mais que non alertou delas para non perder a Deputación de Ourense.
Os audios publicados por La Región que inculpan o actual rexedor da cidade das Burgas e nos cales recoñece usar indebidamente diñeiro do seu partido (Democracia Ourensá), era sabido dentro do PP tal e como indica Público.
De acordo con este xornal, en setembro de 2020 un grupo de edís, membros da Deputación de Ourense e simpatizantes descontentos con Xácome entregaron ao naquela altura secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, un informe en que se detallaban as irregularidades cometidas por Xácome.
Este informe explica a montaxe do rexedor ourensán para poder dispor do diñeiro que era doado ao seu partido así como das subvencións públicas que lle eran concedidas a Democracia Ourensá.
Como explica Público, as persoas autoras do informe confirmaron a súa veracidade e aseguraron que non só Tellado, senón que Feixoo era coñecedor do mesmo.
“O montante total recadado estaría nunha cifra ao redor dos 800.000 euros que irían a parar integramente ao patrimonio persoal de Gonzalo Pérez Xácome”, saliéntase no informe que, ademais, recolle os delitos que o rexedor estaría a cometer: “Branqueo de capitais, malversación de fondos públicos, estafa, suborno, coaccións contra a liberdade dos traballadores, contra a Facenda Pública, contra a Seguridade Social ou falsidade, entre outros”.
Unha reunión secreta
Após a entrega do informe a Tellado, segundo informa Público, Xácome, Manuel Baltar e o propio Tellado mantiveron unha reunión na sede do PP en Ourense. De acordo coa exclusiva, os dirixentes populares pediron a Xácome que dimitise, mais este negouse e ameazou con retirar o apoio a Baltar na Deputación polo que o PP perdería a Presidencia desta institución.
Explicacións de Xácome e denuncias
Após a publicación dos audios por parte de La Región, Xácome tentou explicarse alegando que estes estaban “manipulados”.
Tal e como informaba este xornal Xácome aseguraba o día 9 de maio que “os audios que durante os últimos días se difundiron en diferentes medios de comunicación son ilegais e carentes de valor, están editados, manipulados, falseados e descontextualizados”.
Ante estes feitos, partidos como o BNG ou o PSdeG presentaron senllas querelas ante a xustiza denunciando as ilegalidades que se constatan nos propios audios.