VÍDEO NO INTERIOR

A Fiscalía de Ourense abre dilixencias de investigación penal polos audios de Xácome, que insiste na súa "manipulación"

O alcalde de Ourense busca nunha rolda de prensa "demostrar" que as gravacións nas que alude a posíbeis irregularidades foron obxecto de "manipulación" por parte de partidos da oposición, "principalmente o PP". Pola súa parte, o Bloque traslada os feitos á Fiscalía Xeral do Estado mentres a de Ourense inicia unha investigación a raíz doutra denuncia do PSdeG.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, na rolda de prensa que ofreceu esta cuarta feira a raíz dos audios filtrados. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Á esquerda, rolda de prensa de Gonzalo Pérez Xácome; á dereita, Luís Seara e Néstor Rego presentando a denuncia do BNG perante a Fiscalía. (Fotos: Europa Press | Nós Diario)

*Información actualizada ás 14.50 horas

A falta de menos de 48 horas para que dea comezo a campaña electoral, a cidade de Ourense continúa inmersa na polémica xerada polos audios filtrados en diferentes medios nas que o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), fala de diferentes asuntos comprometedores e que poderían chegar a ser constitutivos de delito. Unhas gravacións, porén, que o rexedor considera "manipuladas" co obxectivo de "alterar" a cita coas urnas do vindeiro 28 de maio.

Pérez Xácome ofreceu esta cuarta feira unha rolda de prensa na que pretendeu desacreditar a "validez" das conversas que transcenderon até o momento. Ademais, e logo de asegurar que foi obxecto de "espionaxe con microfonía oculta" nas dependencias da Alcaldía e calcular —en virtude do que se coñeceu— que pode haber "un mínimo de 260.000 minutos" gravados, "ou 120.000", instou a entregar todas as gravacións "orixinais" á Xustiza, seguro de que así se demostraría que están "manipuladas" co fin de atacalo.

Á marxe disto, eludiu entrar a valorar palabras concretas, mais si citou posíbeis "manipulacións", como serían, dixo, cortar e pegar ou introducir palabras incluíndo "ruído de fondo" para distorsionar a mensaxe. É máis, calculou o posíbel custo de todos estes audios e a súa "manipulación" nuns "200.000 ou 300.000 euros".

Nunha rolda de prensa con varias preguntas e que durou unha hora e media, o alcalde advertiu de que a difusión destas mensaxes por parte de diferentes xornais, supuxo de facto "a anulación" do proceso electoral en Ourense para convertelo nun "plebiscito". "Ou a mafia ou Democracia Ourensá", advertiu Xácome, quen deduciu que este movemento estaría "orquestrado" por partidos da oposición, "principalmente o PP", malia que apuntou tamén ao PSOE.

En varias ocasións da súa intervención, na que chegou a facer unha "demostración" dunha "manipulación" de audio en directo cunha frase pronunciada por el mesmo na rolda de prensa ad hoc, reafirmouse en que os audios que transcenderon non son "algo orixinal" e non teñen "ningunha validez, nin os que saíron nin os que saian" a partir de agora.

A Fiscalía de Ourense abre dilixencias

A raíz dunha denuncia presentada polo PSdeG, a Fiscalía de Ourense vén de abrir dilixencias de investigación penal polos audios que deixan en evidencia o rexedor ourensán. O candidato do PSOE á Alcaldía, Paco Rodríguez, foi o encargado de ratificar a denuncia pondo o acento en que "se empezan a ver empresas", polo que considera que os feitos adquiren "outra dimensión". "Creo que estamos ante unha trama de consecuencias que eu son incapaz de abordar ata onde poden chegar", afirmou esta terza feira, no momento de interpor o escrito.

Os socialistas relatan o contido dos audios difundidos por diferentes medios desde a pasada fin de semana nos que "aparentemente se distingue a voz do alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, e do seu xefe de gabinete, Francisco Lorenzo, ademais doutras persoas non identificadas polo momento, nos que se observan actuacións e procederes presuntamente delituosos á vez que inmorais".

Así, relatan que o audio publicado o pasado día 7 e a súa transcrición reflicte como unha voz que se atribúe a Xácome "comina dous empregados públicos municipais a que asuman unha multa de tráfico que foi imposta ao parecer ao propio alcalde" na cidade de Vigo "cando conducía, en fin de semana e sen que conste desprazamento institucional algún na súa axenda, un vehículo municipal".

No audio do día 8 deste mes, os socialistas inciden en que se recoñecen as voces do alcalde e do seu xefe de gabinete, e na transcrición, apréciase unha conversa entre ambos "na que planifican a cobranza a certa empresa de cantidades en diñeiro 'B' para o financiamento do partido ao que ambos pertencen e polo que concorren" o próximo 28 de maio (Democracia Ourensá).

Finalmente, no audio publicado esta terza, 9 de maio, os socialistas sinalan que se pode ouvir a voz de Xácome e doutro interlocutor mantendo unha conversa en torno ao modo de actuar "como conseguidor" dunha persoa de confianza do alcalde —que La Región identifica co seu xefe de gabinete—, e planifícase " a forma de obter diñeiro" de concesionarias de servizos e obras municipais.

Denuncia do BNG

Esta mesma cuarta feira o BNG interpuxo unha outra denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado contra Pérez Xácome pola presunta comisión dos delitos de suborno, financiamento ilegal e branqueo de capitais, a raíz dos audios difundidos nos últimos días. O candidato da formación nacionalista á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, e o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, instaron o Ministerio Público a abrir dilixencias para investigar as conversas que o alcalde mantén con persoas da súa confianza e nas que fala de financiar a campaña con diñeiro 'en B' e de como "branquealo".

Seara asegurou que a Xustiza debe actuar "para que se evite o quebranto ao erario público" do Concello de Ourense e para que non se "siga erosionando a democracia". "O Concello non pode seguir sendo a cova de Alí Babá", denunciou. Nesta liña, o candidato do BNG lamentou que Ourense estea de "desgraciada actualidade" polo que cualificou dunha "situación de emerxencia social e política" provocada por un "alcalde tirano e faltón que polo que se escoita nos audios pide mordidas a empresas e a funcionarios que cometan delitos".

Luís Seara e Néstor Rego, presentando a denuncia do BNG diante da Fiscalía Xeral do Estado.
Luís Seara e Néstor Rego, presentando a denuncia do BNG diante da Fiscalía Xeral do Estado.

Na súa denuncia, o Bloque sostén que os audios do alcalde con persoas da súa confianza "permiten deducir a existencia dunha estrutura organizada para a cobranza de comisións a empresas que se relacionan co Concello e cuxas percepcións, en metálico, branquéanse, cando menos parcialmente, como doazóns de particulares ao partido Democracia Ourensá".

"Os feitos aos que se refiren as informacións aparecidas e os audios divulgados polo diario La Región puidesen ser constitutivos dos delitos de suborno, financiamento ilegal e branqueo de capitais", incide a denuncia do BNG, que "entende necesaria e urxente a investigación dos mesmos para evitar graves prexuízos para o patrimonio público e para o propio sistema democrático".

"Hai que tomar decisións, a política ten os seus momentos pero a Xustiza tamén e por iso desprazámonos a Madrid para dicirlle á Fiscalía que actúe de forma urxente diante dunha situación absolutamente escandalosa e para evitar que poidan destruírse probas", engadiu Seara, que sinalou que "o outro día" puido verse ao alcalde e a un das persoas que aparecen nos audios saír "cunha mochila chea dun edificio público".

Rego, pola súa parte, asegurou ante os medios que "o que pasa en Ourense, ese panorama de corrupción, non é nin máis nin menos que o legado do PP" e do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, "nacido desde" a propia cidade. "O PP foi quen colocou a Xacomé como alcalde e quen sustenta a [Manuel] Baltar como presidente da Deputación", sinalou o deputado, que se referiu desta forma a Baltar, inmerso nunha causa xudicial tras ser pillado a 215 quilómetros por hora cun vehículo oficial. "Feixoo terá que dar explicacións de por que permite que isto aconteza e, se continúa permitíndoo, é evidente que ampara a corrupción e que o inhabilita para exercer calquera cargo publico", resolveu Rego.

Comentarios