O reconto provisional apunta que o PP tamén gaña no voto CERA galego

Os datos provisionais que se foron coñecendo ao longo da xornada desta sexta feira o voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), non altera a repartición dos resultados saídos das urnas o pasado domingo, 23 de xullo: 13 representantes para o PP, 7 para o PSOE, 2 para Sumar e 1 para o BNG.
Reconto do voto CERA esta sexta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reconto do voto CERA esta sexta feira (Foto: Nós Diario).

O PP perfílase como o partido máis votado na Galiza tamén entre os residentes ausentes. Os datos provisionais que se foron coñecendo ao longo da xornada desta sexta feira e até o feche desta edición indican que na Galiza o voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), non altera a repartición dos resultados saídos das urnas o pasado domingo, 23 de xullo: 13 representantes para o PP, 7 para o PSOE, 2 para Sumar e 1 para o BNG.

As catro circunscricións

Na circunscrición de Ourense  o PP foi a forza máis votada no CERA, con 3.017 apoios, seguida do PSOE que atinxiu 1.176. Vox foi terceira forza, con 669 votos, Sumar tivo 382 e o BNG 298. En total, votaron 5.849 ourensáns que residen no exterior. Rexistráronse 118 votos nulos e 28 papeletas en branco.

O Partido Popular logrou 4.246 votos CERA na circunscrición da Coruña, por diante dun PSOE que tivo 2.713 apoios de residentes ausentes. Sumar logrou 1.233 sufraxios, Vox 829 e o BNG obtivo 662. En concreto, contabilizáronse nesta circunscrición un total de 10.402 votantes, 159 papeletas nulas e 197 sufraxios en branco.

En Lugo, a vitoria no CERA foi tamén para os populares, con 1.633 votos. O PSOE logrou 1.047 apoios, Vox 316, Sumar 235 e o BNG 174. Contabilizáronse un total de 10.402 votantes, 159 votos nulos e 197 en branco.

Na circunscrición de Pontevedra o Partido Popular foi tamén a primeira forza no escrutinio do voto de no estranxeiro, con 4.319 apoios para a súa candidatura ao Congreso dos Deputados, case o dobre dos obtidos pola lista socialista, que sumou 2.345 votos. A terceira forza foi Sumar, que alcanzou 1.019 sufraxios; mentres que Vox, cuarta forza, obtivo un total de 865 votos. En quinto lugar situouse o BNG, con 603 apoios.

Comentarios