18-F

A 'quinta circunscrición' do voto CERA, o 20% de indecisas e a importancia da participación: todas as chaves do 18-F

O case medio millón de votantes residentes no estranxeiro, as perto de 450.000 persoas que aínda non saben a quen votar ou se votarán e o nivel de participación determinarán a 'foto final' das eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro.
Papeletas nun colexio electoral de Vigo. (Foto: M. X.)
photo_camera Papeletas nun colexio electoral de Vigo. (Foto: M. X.)

As eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro virán marcadas, especialmente, por tres factores: o voto CERA, as persoas indecisas e a abstención. As múltiples enquisas difundidas até o momento, incluído o barómetro que elabora diariamente o Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario, xa advirten da relevancia destas dúas cuestións, así como do decurso da campaña electoral, que nos primeiros compases xa axitou o taboleiro político e comezou a albiscar a posibilidade dun cambio de cor política na Xunta da Galiza.

En primeiro lugar, a 'quinta provincia' das votantes no estranxeiro, case medio millón  —máis que a circunscrición de Ourense ou a de Lugo—. Nos anteriores comicios, os de 2020, as electoras e electores que residen fóra da Galiza deron un escano máis ao PP de Alberto Núñez Feixoo, que pasou de 41 a 42 actas, arrebatando unha ao PSdeG por Pontevedra.

E tamén nas galegas de 2009 tivo consecuencias o voto CERA sobre a 'foto final', mais neste caso do lado oposto e igualmente sen chegar a decantar a balanza cara o 'bando' contrario, pois o PSdeG gañou un deputado en Ourense a costa do PP, rebaixando así a primeira maioría absoluta de Núñez Feixoo de 39 a 38 deputados e deputadas.

O que si poderá determinar a futura Presidencia do Goberno galego é a elevada porcentaxe de persoas indecisas, que segundo o último estudo do CIS, difundido esta segunda feira, alcanzaría 19,6% do electorado total. É dicir, que unha de cada cinco galegas e galegos aínda non sabe por que papeleta se decantará —nin sequera se irá a votar—. Tamén o barómetro de EM-Analytics para Nós Diario baralla un escenario similar, con perto de 20% de indecisas, unhas 456.000.

O CIS precisa que decide o seu voto na última semana da campaña o 30,2% da poboación de entre 18 e 24 anos, o 25,2% da faixa de idade de entre 25 e 34 anos e o 26,4% das persoas de entre 35 e 44 anos —segmento do electorado, este último, que as diversas sondaxes colocan como primeira opción electoral o BNG—. A maiores, o estudo sinala que o 20,4% das persoas electoras de toda Galiza decidirán o seu voto na última semana electoral, o 5,5% na xornada de reflexión e o 6,1% no propio día das eleccións.

E dentro deste electorado indeciso a chave reside en se dubida maioritariamente entre diferentes formacións do mesmo espectro ideolóxico, se non ten aínda ningunha idea de como dirixir o sentido do seu voto ou se, directamente, non sabe se irá a votar o 18-F ou non, pois o Partido Popular quitou os seus mellores resultados nas últimas citas electorais cando máis baixa foi a participación.

Así, en 2020, nuns comicios marcados pola pandemia de Covid-19, Galiza rexistrou o menor nivel de participación en catro décadas, cun dato só superior ao de 1981: 48,97%; ou, o que é o mesmo, máis da metade do electorado quedou na casa aquel 12 de xullo. O PP obtivo un 47,96% dos sufraxios, case catro puntos máis que BNG e PSdeG, que se traduciu en 42 actas.

Este resultado foi semellante ao de 2016, cando a abstención tamén se achegou á metade e só votaron 53,63% das galegas e galegos. A candidatura de Núñez Feixoo logrou 47,56% dos votos e 41 escanos nun Parlamento con outras tres formacións políticas —En Marea, PSdeG e BNG— que sumaron dous puntos menos en votos.

E a participación igualmente baixa en 2012, 55,4%, co Partido Popular sumando o 45,8% —case un punto máis que PSdeG, AGE e BNG, as tres formacións que obtiveron representación— das papeletas e outros 41 deputados e deputadas.

Con todo, a maior porcentaxe de votos rexistrouse en 2009 (64,43%), coincidindo coa primeira maioría absoluta do PP de Feixoo, que obtivo un 46,68% dos sufraxios. Daquela, porén, malia gañar un deputado máis que a suma de PSdeG e BNG e conseguir así a Presidencia da Xunta, socialistas e nacionalistas ficaron ás portas de revalidar o triunfo de 2005 e, a diferenza das eleccións de 2012, 2016 e 2020, gañaron —por pouco— en votos aos populares, con perto de 6.000 votos máis.

Nos comicios que deron paso ao primeiro Goberno de coalición de PSdeG e BNG e puxeron fin a tres lustros de Presidencia de Manuel Fraga deuse a segunda maior participación da historia (64,2%), con socialistas e nacionalistas superando os populares en escanos e votos —máis de 100.000 papeletas de diferenza—.

Comentarios