Parlamento

Luz verde á iniciativa do PP que favorece as centrais de bombeo

A comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento da Galiza deu luz verde esta cuarta feira a unha iniciativa dirixida a favorecer a instalación de novas centrais hidráulicas no conxunto dos ríos galegos. A proposta, que responde ás demandas das grandes compañías enerxéticas, saíu adiante cos votos favorábeis de populares e socialistas.
Área do Valadouro que anegaría a central de bombeo prevista por Atalaya. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Área do Valadouro que anegaría a central de bombeo prevista por Atalaya. (Foto: Nós Diario)

PP e PSdeG sumaron os seus votos na Cámara galega para “declarar de interese público superior as centrais hidroeléctricas reversíbeis, como activos de almacenamento enerxético necesarios para acadar a seguridade de subministración enerxética, de modo que poidan acollerse aos procedementos máis favorábeis dispoñíbeis, tanto na súa fase de planificación como de autorización”.

A proposta aprobada polo Parlamento modifica a lexislación vixente na Galiza. A mesma, avalada por unanimidade na Cámara galega en setembro de 2021, fixaba “non outorgar novos aproveitamentos hidroeléctricos agás repotenciacións, sempre que se manteña o mesmo vaso e non se altere o caudal”.

O PP xustifica o cambio

A autora da iniciativa, a deputada popular Marta Nóvoa xustificou o cambio legal argumentado que “a situación que xustificou aquela limitación é radicalmente distinta na actualidade, porque os obxectivos de xeración renovábel da Unión Europea, de España e da Galiza para os próximos anos e décadas están moi lonxe de acadarse, polo que precisan dun impulso decidido por parte das empresas e Administracións”.

A medida foi rexeitada polo BNG, que defendeu condicionar “as modificacións legais a un amplo proceso de participación público, garantindo a análise por parte do Consello Económico e Social e a compatibilidade entre os preceptos de cautela de protección medioambiental e as necesidades de desenvolvemento industrial, con especial cautela respecto do cumprimento dos Plans hidrolóxicos e da protección de reservas de auga e as medidas extraordinarias”.

A voceira nacionalista en materia de Enerxía, Noa Presas, sinalou que “esta é outra proposta máis do Partido Popular en beneficio do lobby eléctrico, agora que hai varios proxectos de centrais de bombeo no país, moi atractivos economicamente para este tipo de negocio pola alta concentración de centrais de grande hidráulica nos ríos galegos”.

As enerxéticas promoven sete centrais de bombeo

As compañías enerxéticas promoven actualmente sete centrais de bombeo na Galiza. Tras destes proxectos, atópanse as grandes operadoras do sector, como Iberdrola, cun proxecto de 900 megawatts en Vilariño de Conso; Naturgy, cunha planta de 340 megawatts en Bande e Muíños, ou EDP, cunha central de 570 megawatts nas Pontes.

A norma derrogada na xornada de onte no Parlamento foi empregada por Augas da Galiza para informar desfavorabelmente contra a central de bombeo que a empresa aragonesa Atalaya Generación pretende instalar nos concellos de Alfoz e o Valadouro. Precisamente, ambos os concellos acolleron manifestacións veciñais en contra do proxecto o pasado 13 de marzo.

Comentarios