A tecnoloxía hidráulica marca prezos da electricidade máis altos que o gas

Agosto rexistrou máximos históricos no prezo da electricidade, cun custo medio de 307,8 euros. Mentres se culpa desta suba ao gas, os datos mostran que os prezos máis elevados no mercado grosista ibérico veñen marcados pola hidráulica. Aliás, os beneficios das hidroeléctricas teñen superado 10.000% en xornadas deste ano.
Encoro dos Peares no río Miño, cuxa construción rematou en 1955, sendo a súa potencia instalada de 184 megawatts. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encoro dos Peares no río Miño, cuxa construción rematou en 1955, sendo a súa potencia instalada de 184 megawatts. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da electricidade no mes de agosto situouse en 307,80 euros o megawatt/hora, o que representou o custo mensual máis alto para as usuarias e usuarios da tarifa regulada de toda a serie histórica. Así, superáronse os valores rexistrados no mercado grosista no mes de marzo, antes da entrada en vigor da 'excepción ibérica' e considerada até agora como a tarifa máis alta da luz. Na mesma dirección, os prezos da electricidade en agosto de 2022 superaron en 46,2% os do mesmo mes do pasado ano.

O 30 de agosto de 2022 a electricidade marcou un prezo medio por megawatt de 201,96 euros no mercado grosista, ao que debe engadirse a compensación ligada á excepción ibérica, polo que o prezo final situouse en 459,4 euros. Non foi o gas responsábel do encarecemento da luz nesa xornada, onde a electricidade acadou os valores máximos da historia senón a tecnoloxía hidráulica. Tanto é así que en 15 de 24 horas do día a enerxía de orixe hidroeléctrica fixou os prezos máis altos da electricidade.

A hidráulica

A tecnoloxía hidráulica marcou 15 prezos máis altos da electricidade en 24 horas o día 30 de agosto. Isto aconteceu á 1 da mañá, ás 2, 3, 4, 6, 7, 8, 9, 10 e 11 horas, así como pola tarde e noite ás 20, 21, 22, 23 e 24 horas. Precisamente, o prezo máis alto rexistrouse entre as 22 e as 23 horas e o máis baixo entre as 17 e 18 horas, neste caso fixado polas fontes renovábeis de orixe eólica.

O acontecido no mes de agosto non foi unha excepción. O 8 de marzo de 2022 a luz marcou no espazo ibérico o prezo máximo de toda a serie histórica, chegando entre as 19 e as 20 horas a 700 euros. Esta cifra veu fixada pola electricidade de orixe hidroeléctrica. Así, das 24 horas do día, o gas natural só foi a fonte de produción máis cara en oito, rexistrándose o prezo máis alto ás 19 horas da tarde pola tecnoloxía hidráulica.

As razóns desta situación están ligadas ao funcionamento do sistema marxinalista de fixación de prezos, que permite ás enerxéticas marcar os valores de mercado. A hidráulica produce maiores beneficios para as compañías eléctricas, na medida en que a xeración é a máis barata. Segundo o estudo de Prezos e Custos da Xeración da Electricidade, da Comisión Nacional de Enerxía en 2008, xerar entón un megawatt/hora hidroeléctrico nunha central amortizada custaba 3 euros. Estas centrais están máis que amortizadas, polo que a grande hidráulica está a xerar practicamente en todos os casos a menos de 3 euros o megawatt.

O membro do Colectivo Bidán Fernando Branco pregúntase “quen pode explicar que a xeración hidráulica, que ten un prezo estimado de xeración de entre 3 e 7 euros megawatts, oferte a súa produción a 700 euros, cun 10.000% de beneficio”. Branco sinala a Nós Diario que "o mercado eléctrico, por decisión política, é marxinalista. O prezo de cada hora vén marcado pola última tecnoloxía necesaria para xerar a enerxía coa que atender o consumo previsto”.

A hidráulica fixa prezos

O profesor de economía da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios lembra a Nós Diario que “a hidráulica adoita ser unha tecnoloxía que marca o prezo non só durante a excepción ibérica, senón nos últimos anos”. Nesta liña, explica que “isto é porque as empresas propietarias teñen a liberdade de ofertar o prezo que queiran, entón o que fan é analizar cal é o prezo ao que está entrando o gas -o máis caro-, para meter a hidroeléctrica a prezos similares. É dicir, non entran no mercado marxinalista a prezo de custo, senón ao prezo máximo do mercado”.

"As enerxéticas fan isto para evitar que se consuma moita hidroeléctrica, e así gardan auga para máis tarde que a poidan vender máis cara, en definitiva, tentan que parte da hidroeléctrica entre despois do gas", di.

A luz sobe 20,3%

O prezo medio da luz para clientes de tarifa regulada subirá nesta cuarta feira 20,3% con respecto a onte, até os 291,57 euros por megawatt/hora, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía.

O sistema marxinalista

Fernando Branco apunta ao sistema marxinalista como responsábel dos elevados prezos da electricidade no espazo europeo. Neste sentido, lembra que o sistema marxinalista de fixación de prezos aplicouse por primeira vez no Chile de Pinochet.

Comentarios