Lores expresa de novo o seu malestar a Costas por "negar proxectos á cidade"

O alcalde de Pontevedra afirma que Costas "sabota" proxectos que xa contan con financiamento e permisos administrativos.

O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu gabinete. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu gabinete. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta en resposta á enviada polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, mostrando a súa "profunda sorpresa e desagrado" ao comprobar a negativa de Costas a proxectos da cidade que "están a ser sabotados por esta Secretaría Xeral, vía dilación infinita, para finalmente bloquealos".

Lores expresou esta cuarta feira o seu malestar con Hugo Morán ao coñecer a súa decisión negativa a asuntos "tan sentidos, necesarios e esperados por Pontevedra", a cal foi comunicada antes aos seus compañeiros do PSdeG na cidade do Lérez, socios aos que acusou de "encubrir" con escusas ao Goberno estatal, "como o PP fai coa Xunta da Galiza" en detrimento dos intereses da cidade.

Referíase así o alcalde a proxectos como o paseo a Marín, a rexeneración urbana do barrio de Mollabao, ou a recuperación da Xunqueira de Ponte Sampaio, os cales están pendentes desde hai anos "só dun papel", xa que contan con permisos doutras Administracións e con financiamento.

O alcalde nacionalista lamentou que agora se paralicen por "ideas de futuro", co único obxectivo de "non investir nada nesta cidade e atrasar absolutamente todo".

O alcalde de Pontevedra tamén criticou que a resposta do secretario de Estado de Medio Ambiente "en lugar de ser obxectiva como correspondería a un Ministerio, se trate dun escrito de evidente calado electoralista". "Cousa que me parece profundamente desafortunada", aseverou.

Resposta do PSdeG

O portavoz do grupo municipal do PSdeG e candidato á Alcaldía, Iván Pontes, saíu ao paso das declaracións do alcalde para defender os proxectos que a súa Concellaría, a de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel do Medio Natural, leva negociando "desde hai case dous anos" co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Iván Pontes respondeu que "se encubrir ao Miteco é conseguir 25 millóns de euros para que sexan investidos nesta cidade", vai encubrir " todo o que poida".

Segundo Iván Pontes, eses 25 millóns de euros están "comprometidos" polo Miteco e destinaranse actuacións que están recollidas na denominada estratexia Pontevedra Flúe e que serán financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, dentro dos fondos que o Ministerio ten concedidos pola Unión Europea.

Comentarios