18-F

Álvaro Díaz-Mella, candidato de Vox á Presidencia da Xunta

A campaña da ultradereita decorrerá en clave estatal e Abascal asistirá a todos os actos aos que poida ir na Galiza.
Álvaro Díaz Mella, candidato de Vox á Presidencia da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Álvaro Díaz Mella, candidato de Vox á Presidencia da Xunta. (Foto: Europa Press)

O presidente de Vox en Pontevedra e cabeza de lista nas municipais de Vigo o pasado ano, Álvaro Díaz-Mella López, será o candidato do partido ultraespañolista que lidera Santiago Abascal á Xunta da Galiza nas eleccións do 18 de febreiro. Díaz-Mella, de 61 anos, non logrou acta de concelleiro nas eleccións locais do 28-M e foi tamén cabeza de lista en Pontevedra nas eleccións estatais do 23-X, pero tampouco Vox conseguiu representación no Congreso por esta circunscrición.

Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e con Máster en Dirección e Xestión de Empresas (MBA) no Know How Bussines College, Díaz-Mella ten experiencia profesional no sector de telefonía móbil após ocupar, durante 19 anos, cargos de xestión, distribución e comerciais en Telefónica. Tamén desempeñou postos de Dirección, Xestión, Mercadotecnia e Organización e Control de vendas en empresas de diversos sectores, como Seguros, Enxeñaría e Transportes.

A dirección de Vox ratificou a súa decisión de presentar candidatos nas catro circunscricións galegas. Fontes do partido de extrema dereita na Galiza citadas por Europa Press confirmaron que se trata dos presidentes provinciais de Vox da Coruña, Ourense e Lugo: Manuel Fontes Lamas, María Jesús Fernández e Sonia Teixeiro, respectivamente.

Fontes Lamas é inspector veterinario de Saúde Pública; Fernández, con formación en Administración de Empresas e Finanzas, foi a candidata de Vox á alcaldía de Ourense en 2019, e Teixeiro, dedicada ao sector madeireiro, foi a cabeza de lista por Lugo nas eleccións do 23-X.

A ultradereita, case sen opcións

Vox non conta con presenza no Parlamento galego e non logrou representación no Congreso en ningunha das catro circunscricións galegas. Nas municipais, aliás, logrou unha única concelleira, en Avión. As enquisas coinciden en augurar que a formación de Abascal tampouco conseguirá esta vez representación na Galiza, pero fontes da dirección de Vox indican que as súas expectativas concrétanse en entrar e, de conseguilo, ser decisivos para a conformación do Goberno obrigando o PP a pactar.

Sobre a petición que o PP fixo a Vox para que non se presentase aos comicios do 18-F, as mesmas fontes desbótana e afirman que, se a maioría absoluta do PP de Alfonso Rueda está en risco pola eventual división do voto no bloque da dereita, será "pola súa xestión", debido a que eles xa se presentaron ás pasadas galegas, en 2020, sen obter representación fronte á vitoria dos populares.

Por último, as fontes da ultradereita indican que a campaña decorrerá en clave estatal e Abascal asistirá a todos os actos aos que poida ir na Galiza.

Comentarios