A primeira enquisa de 2024 sitúa o PP ao borde de perder a maioría absoluta e o BNG sería o único que crece

O PP de Rueda perdería 3 escanos e o BNG subiría 3. O PSdeG non sobe e manteríase como terceira forza. Sumar, Podemos e Vox quedarían sen representación.

Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A primeira enquisa do ano sobre as eleccións ao Parlamento da Galiza do 18 de febreiro sitúa o Partido Popular (PP) de Alfonso Rueda ao borde de perder a maioría absoluta. Os populares caerían 3 escanos respecto aos 42 obtidos en 2020 e ficarían agora con 39.

Á enquisa elaborada por Sociométrica e divulgada este 1 de xaneiro de 2024 por El Español sitúa o Bloque Nacionalista Galego (BNG) como a única forza á alza. A formación que ten Ana Pontón como candidata a presidir Galiza subiría 3 escanos e poríase con 22, fronte aos 19 que conseguiu en 2020. Manteríase así como segunda forza e como principal candidata a presidir a Xunta da Galiza de o PP seguir á baixa e chegar a perder a maioría absoluta.

Sociométrica indica que o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) que ten Gómez Besteiro como candidato nin sobe nin baixa, e ficarían cos mesmos 14 escanos logrados en 2020 cando Gonzalo Caballero lideraba o partido. As enquisas sinalan que o denominado “efecto Besteiro” non está a dar os froitos agardados na formación socialista.

O espazo da esquerda estatal de Sumar e Podemos quedaría fóra do Parlamento da Galiza. Non obterían ningún escano nin Sumar Galicia, que ten Marta Lois como candidata, nin Podemos Galicia, que encabezaría Isabel Faraldo de finalmente presentaren candidatura propia. Este espazo político, agora fragmentado -as bases de Podemos rexeitaron a oferta realizada por Sumar para concorrer xuntos- repetiría o fracaso colleitado en 2020 cando concorreron xuntos como Galicia en Común, nun momento de paz interna e boa valoración no CIS ao Goberno estatal de coalición.

Quen tampouco tería representación outra vez sería Vox, que xa en 2020 quedará fora do Lexislativo e que nas eleccións municipais só conseguiu unha única acta de edil -en Avión-. Tampouco obtivo representación pola Galiza en ningún dos comicios estatais.

Por porcentaxe de votos, Sociométrica indica que o PP tería 44,6%; o BNG un 25,5% dos sufraxios, o PSdeG un 17,5%, ficaría por baixo do 5% Sumar e obtería un 4,4%, seguiría Vox con 3,8% e finalmente Podemos, con 2,1%. A enquisa non recolle datos de Democracia Ourensá, que anunciou que presentará candidatura ao Parlamento da Galiza.

Comentarios