18-F

As novas sondaxes sitúan o PP en mínimos históricos de intención de voto

As enquisas marcaron a precampaña electoral no arranque da segunda semana de xaneiro. A 40 días de decorreren os comicios, as últimas sondaxes publicadas sitúan o PP á baixa, o BNG medrando, o PSdeG en porcentaxes semellantes a 2020 e Sumar pelexando por non ficar fóra do Parlamento. Algúns destes estudos colocan os populares por baixo da súa intención de voto das eleccións de 2005, cando nacionalistas e socialistas os desaloxaron do Goberno galego.
Colexio electoral da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Colexio electoral da Coruña. (Foto: Nós Diario)

A totalidade das sondaxes publicadas nestes últimos días colocan o Partido Popular por baixo da intención de voto de 2020. Naquela altura, os populares alcanzaron 47,9% e 42 escanos, o que representa catro puntos e tres representantes máis que os outorgados pola enquisa da empresa Sondaxe publicada o domingo en La Voz de Galicia.

A maiores, este estudo sitúa a intención de voto da formación liderada por Alfonso Rueda por baixo da atribuída á suma de nacionalistas e socialistas, ficando nunha porcentaxe de sufraxios 1,9 puntos por baixo de 2005, cando perderon a Presidencia da Xunta da Galiza a mans do PSdeG e o BNG.

As mellores perspectivas para o Partido Popular proceden da enquisa de onte realizada por 40 dB para o grupo Prisa, que lle asigna entre 39 e 42 escanos. Precisamente, en 39 actas deixa os populares o estudo de Electomanía, así como o de Sociométrica para El Español, sinalando os demóscopos consultados por Nós Diario que “a división do voto no espazo da esquerda sobrerepresenta o Partido Popular nas enquisas”. Neste punto, lembran que “de 45% dos votos para baixo é moi complicado manter a maioría absoluta”, e insisten en que “en 2005 o PP perdeu a Xunta con 45,8% dos sufraxios”, unha porcentaxe de votos que só supera na sondaxe de 40 dB.

O BNG é a forza que máis medra. Tanto e así que todos os estudos o sitúan cunha intención de voto superior á dos comicios galegos do ano 2000, cando a formación nacionalista rexistrou a maior porcentaxe de sufraxios de toda a súa historia, con 23,79% dos votos. Neste sentido, as enquisas publicadas na última semana outórganlle entre 26,5% e 24,8% dos sufraxios e entre 19 e 22 escanos, asignándolle a estimación de voto máis elevada Sondaxe e a máis baixa 40 dB. Así, a porcentaxe media de voto das catro últimas enquisas publicadas é de 25,9% e de 20 escanos.

Os demóscopos avanzan unha destacada marxe de mellora aos nacionalistas. Neste sentido, destacan o coñecemento e valoración da súa portavoz, Ana Pontón, a quen o traballo de 40 dB sitúa como a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza mellor valorada, perto de tres puntos por riba de Alfonso Rueda e 15 por encima do candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

Ao tempo, sinalan que as taxas máis elevadas de abstencionistas, indecisos e opacos concéntranse naqueles sectores ideolóxicos onde máis se vota BNG, sinalándose entre estes perto de 30% que se declararan só galegos.

O PSdeG pelexa por superar a porcentaxe de voto dos pasados comicios galegos. Se os socialistas rexistraron en 2020 con Gonzalo Caballero 19,3% dos sufraxios e 14 escanos, ningunha das sondaxes publicadas nesta semana lle outorgan esa intención de voto ao novo PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro, mais si un número de actas semellantes. Nesta perspectiva, as peores porcentaxes de voto rexístraas nas circunscricións da Coruña e de Ourense, que con Lugo tense convertido na praza forte do PP.

Os socialistas amósanse confiados con mellorar estas previsións. Nesta liña, os demóscopos consultados por este medio avanzan unha dura batalla entre o PSdeG e o PP polo voto do electorado máis centrista, onde arredor de 20% do mesmo dubida entra unha e outra forza.

A división da esquerda

Sumar teno complicado. Só a enquisa de Sondaxe lle outorga representación, neste caso unha acta pola circunscrición da Coruña, que recaería na súa cabeza de cartel, Marta Lois. Nesta liña, agárdanse chiscadelas do BNG e do PSdeG á súa base electoral co obxectivo de que a división do voto na esfera da esquerda non favoreza no reparto dos restos o Partido Popular. A este respecto, as sondaxes publicadas asígnanlles entre 3,3% e 4,8% dos sufraxios.

Comentarios