O PP pide a Vox que non se presente ás eleccións galegas: "Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela"

Miguel Tellado afirma que sería “intelixente" evitar dividir o voto da dereita.

O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O PP non quere dividir o voto da dereita na Galiza de cara ás eleccións galegas de 2024, consciente de que cada sufraxio conta para non perder a maioría absoluta. Após se coñecer que Vox si vai concorrer a estes comicios, como adiantou Eldiario.es, o PP xa saíu á palestra para considerar que ese paso pode derivar nun Goberno galego de esquerdas.

O vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, advertiu hoxe a Vox de que "non ten posibilidade en ningunha das catro provincias" e que sería “intelixente” non dividir o voto da dereita. Así o manifestou en declaracións en  EsRadio. "Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela", dixo.

Tellado dixo tamén que "Vox foi o resorte electoral que utilizou Sánchez para axitar o electorado" e, centrándose na Galiza, lembrou que "o voto que non se traduce en escanos, é un voto estéril. Un voto que ao PSOE lle interesa".

"Hai que fiar fino para soster esa maioría e mantela. Vox non ten posibilidades en ningunha das catro provincias de sacar un escano. (…) Para Galiza, e despois, para España, sería unha traxedia un Goberno do PSOE e BNG", agregou.

Pola súa parte, Alfonso Rueda, a preguntas da prensa, sinalou que "cada formación política" concorrer ás eleccións segundo o considere ou non conveniente, mais apuntou a que "a esquerda estará encantada" de que Vox si se presente aos comicios de 2024 na Galiza

Nas eleccións galegas de 2020 Vox tivo 26.797 votos, non logrando representación na Cámara galega.

Comentarios