Con levantamentos graduais, o marco das restricións prevese até maio

Búscase unha incidencia baixa nos próximos dous meses, coincidindo coa vacinación dos maiores de 80 anos. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello da Xunta (Foto: Arxina)

Será na segunda feira, 15 de febreiro, cando se anuncie se as actuais restricións ditadas fronte a pandemia se flexibilizarán “algo ou moito”, segundo avanzou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.
 
De a Galiza “evolucionar ben” poderá realizarse unha "apertura gradual, prudente e acorde á situación epidemiolóxica", sostivo Feixoo, matizando que "en ningún caso", polo de pronto, se volverá a "situacións anteriores". Para tomar estas decisións, o comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia terá en conta, segundo informou o presidente, a incidencia acumulada, a cifra de novos positivos, o número reprodutor básico e a porcentaxe de positividade.

Con todo, Feixoo advertiu que o esquema de condicións actual fronte a Covid-19, con todas as medidas que vaian introducindo, debe manterse dous meses, até maio, coincidindo coa vacinación dos maiores de 80 anos. 

Feixoo apuntou a pasada cuarta feira, 10 de febreiro, como opción "posíbel" dar "algún respiro" nas restricións na vindeira semana. Ese mesmo día, o conselleiro de Sanidade, Julio García, sinalaba que "era moi cedo" para falar dunha hipotética redución das restricións, unha idea que cualificaba de "pouco prudente" e "inoportuna" ao estarmos "moi lonxe do obxectivo". Preguntado onte sobre as diferenza no Goberno, Feixoo subliñou que el comentou que "era posíbel algún respiro" pero sempre despois da reunión que o comité clínico teña o 15 de febreiro. Tras iso, incidiu en que "probabelmente" o día 17 a presión asistencial, a ocupación de planta e UCI será inferior "se segue a tendencia".

Axudas á hostalaría

Con todo, non se esperan cambios de calado para a hostalaría. O presidente asegurou que este é o sector "con máis dificultades" para poder levantar algunhas medidas. "En todo caso, imos reunirnos co sector, escoitar o comité clínico e tentar despexar algún escenario para próximas semanas", manifestou. 

Precisamente, o Consello da Xunta aprobou esta quinta feira, 11 de febreiro o segundo plan de rescate para a hostalaría, comercio e outras actividades afectadas pola pandemia. Este segundo plan está dotado de 75 millóns de euros. Segundo informou o presidente, as axudas serán acumulativas coas do primeiro plan de rescate e repartiranse en función de escalas graduais que atenderán ao volume de negocio, os traballadores ou as perdas respecto á facturación previa á pandemia. Dos 75 millóns deste segundo plan, 30 serán dedicados a autónomos, outros 30 a microempresas, 12 á hostalaría e tres millóns irán a negocios como ximnasios ou centros de lecer, cuxa inclusión é unha das novidades desta segunda edición do plan.

Para os autónomos estabelécese unha escala que vai de 1.200 a 3.000 euros en axudas directas, que serán de entre 4.000 a 9.000 para microempresas e autónomos con persoal ao seu cargo. Na hostalaría, as axudas oscilarán entre 1.900 e 3.700 euros en función da factores como a duración do feche imposto e o número de traballadores.

Preguntado pola sentenza que tombou o fechamento da hostalaría en Euskadi, Feixoo afirmou que existe "un problema de seguridade xurídica" e pediu unha lei estatal de pandemias para lexislar con seguranza. Tamén aludiu á necesidade desta lei para casos como o da usuaria de residencia en Ribadeo, cuxo familiar impide que se lle administre a vacina. "Teremos que acudir a un xuíz para solicitar a vacinación desa persoa porque entendemos que é necesario para protexer a sua vida e a seguridade das persoas que a coidan", dixo Feixoo. 

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou crear a categoría estatutaria propia de persoal médico de hospitalización a domicilio así como un investimento de 2,3 millóns para a adquisición de equipamento para as sete áreas sanitarias, entre o que destacan 31 ventiladores non invasivos, cos que se pretende desconxestionar as unidades UCI.

A Xunta tamén deu luz verde á aprobación do proxecto da estación de autobuses integrada na intermodal da Coruña, cun investimento de 27,4 millóns.

Menor vacinación

Preguntado pola redución no ritmo de vacinación, logo de que nas últimas horas só se inxectasen 351 doses, o presidente aludiu a"criterios de prudencia" para garantir a inoculación da segunda dose transcorrido o tempo estabelecido tras a primeira. 

Hai "dúas tendencias", dixo Feixoo: "comunidades que despregan todas as vacinas sen gardar a segunda dose e outras que, por prudencia, gardan 30-40% das doses para que non haxa ruptura da vacinación".

Luis López, novo delegado da Xunta en Pontevedra

O  Consello do Goberno galego tamén aprobou o nomeamento do alcalde de Rodeiro, o popular Luis López Diéguez, como novo delegado territorial da Xunta da Galiza en Pontevedra, en substitución de Luisa Piñeiro Castro, que dimitiu após ser condenada xunto ao que foi titular da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, por prevaricación e fraude en relación a unhas obras dun campo de fútbol de Moraña cando ela era alcaldesa deste concello.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Goberno galego, o presidente Alberto Núñez Feixoo lembrou que Luis López naceu en Rodeiro, municipio do que foi alcalde desde 2011 até a data. Foi deputado provincial e presidiu a Mancomunidade Terras do Deza.

Louzán segue no cargo

Precisamente, preguntado sobre se Louzán debería dimitir como presidente da Federación Galega de Fútbol, Alberto Núñez Feixoo asegurou que corresponde á federación "tomar as decisións que considere oportuno" porque é "un órgano que elixe os seus membros, a súa xunta directiva e o seu presidente".

A solicitude de cesamento de Rafael Louzán é unha demanda da oposición, que precisamente cargou antonte no Parlamento galego sobre outro caso espiñento para os populares: o mantemento na Alcaldía de Boimorto de María Ángeles Novo, a pesar de terse vacinado sen pertencer a un grupo de risco. A rexedora causou baixa no PP cando se soubo da súa inmunización. Nós Diario preguntou onte a Núñez Feixoo se o PP vai pedir a Novo que deixe o bastón de mando ou se a van manter no posto. O presidente aseverou que como a alcaldesa xa non é do seu partido, el non ten que comentar ou cualificar a súa situación, xa que el é dirixente do PP. 
 

Comentarios