A alcaldesa de Boimorto pide a baixa do PP pero mantén o cargo malia o escándalo por vacinarse

Distintos grupos políticos pediron a súa "dimisión" como rexedora por aproveitar a súa posición política para adiantarse á súa quenda no tratamento contra a Covid-19.
A alcaldesa de Boimorto coa conselleira de Medio Ambiente nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Boimorto coa conselleira de Medio Ambiente nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A alcaldesa de Boimorto, a popular María Xesús Novo, salva o posto e evita una investigación do partido por vacinarse antes de que lle tocara solicitando a baixa do PPdeG. Esta solución da rexedora transcendeu hoxe despois de que onte elDiario.es destapara que Novo aproveitara o seu cargo público para recibir a dose da vacina contra o coronavirus antes de tempo.

Mentres os partidos da oposición e outros sen representación no Parlamento pedían a dimisión, a Xunta aseguraba esta quinta feira que ía investigar as circunstancias nas que decorreu o tratamento e a revisar a listaxe da residencia de Boimorto na que figuraba María Xesús Novo.

No entanto, esta demandou ao PPdeG que a dea de baixa, mais segundo Europa Press pensa "continuar no cargo" a pesar da polémica por aproveitar para pórse o medicamento na residencia de maiores municipal.

Ao marchar do Partido Popular, a rexedora consigue que se feche o expediente disciplinario que lle ía abrir a formación política após o escándalo destapado onte, cando ela alegaba que tiña dereito á vacina porque traballaba na infraestrutura e que, malia que -sempre segundo a súa versión- a rexeitou e dixéronlle que a dose iría ao lixo se non a aproveitaba ela.

Realmente, tampouco tiña unha relación laboral. Xustificou o seu vínculo de traballo co xeriátrico porque este é municipal e ela é a líder do Goberno local.

Porén, elDiario.es argumentou que a política ten dedicación exclusiva ao Concello e non é sanitaria polo que adiantouse á súa quenda na estrutura da campaña para administrar este fármaco na Galiza.

En calquera caso, quer o BNG quer o PSOE sosteñen que Novo debe "asumir esponsabilidades e dimitir" e dado que non parece disposta a facelo, ambas formacións levarán a protesta ao ámbito local. Así mesmo, continúan a pedir explicacións a Feixoo por esta e outras irregularidades na vacinación.

Comentarios