Rafael Louzán e a delegada da Xunta en Pontevedra condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación

A Xustiza acusa ao ex presidente da Deputación pontevedresa dun delito de prevaricación en concurso con outro de fraude por conceder unha axuda de máis de 86.000 euros para a mellora do campo de fútbol de Moraña, cunhas obras xa executadas na maior parte.
Louzán está acusado de fraude e prevaricación. (Foto: Europa Press)
photo_camera Piñeiro e Louzán estaban acusados de fraude e prevaricación. (Foto: Europa Press)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de facer público que sobre o ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a delegada da Xunta en Pontevedra e ex alcaldesa de Moraña, pesa unha condena de dous anos de prisión e oito de inhabilitación para cargo público por un presunto delito de prevaricación.

É o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra o que achega a sentenza que culpa a Louzán dun “delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude” por conceder unha axuda de 86.311 euros ao Concello de Moraña para que executara unhas actuacións de mellora no campo de fútbol municipal.

No entanto, considérase probado que esas obras xa estaban “executadas” en boa parte cando se aprobou esa subvención desde o ente provincial.

Isto implica que Louzán pase a ser inhabilitado para emprego e cargo público, no entanto cabe a posibilidade de presentar un recurso na Audiencia de Pontevedra.

De momento, o TSXG indica tamén que a ex rexedora da localidade e actual delegada do Executivo galego en Pontevedra, María Luísa Piñeiro Arcos, e o responsábel de Infraestruturas da Deputación no momento en que se produciron os feitos tamén son culpábeis dun delito de “fraude” por ser “cooperadores necesarios”.

A pena para o administrador da empresa, un empregado e o arquitecto que asinou a documentación é de dous anos de cadea e catro de inhabilitación para recibir axudas públicas. Os responsábeis das outras dúas firmas que aceptaron concorrer "no procedemento negociado sen publicidade" sabendo que era "un mero trámite" enfróntanse a un ano de prisión e dous de imposibilidade para conseguir axudas públicas.

En 2013

O xuízo, que tivo lugar en novembro, remóntase a uns feitos acaecidos entre 2011 e 2013. Na primeira das anualidades pactouse a instalación de herba artificial na instalación deportiva así como outras obras menores pero unha certificación incrementou un custe que non se podía rebasar ao tratarse dun proxecto financiado con diñeiro público.

Por tanto, a maxistrada sostén que "se ideou un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba". Foi en 2013 cando se adxudicou "de forma irregular" outro proxecto sobre o campo á mesma construtora, algo que se considera probado polas escoitas feitas.

O feito de que se seguise adiante con este engano evidencia, para a xuíza, "a clara vontade manifesta en contra da legalidade" de Louzán.

Comentarios