A hostalaría prevé o feche de entre 60% e 70% de bares na Galiza

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, urxe ás Administracións para que condonen os créditos ICO, entre outras accións.
Hostalaría en Compostela, Europa Press
Hostalaría en Compostela. (Foto: Europa Press)

"Poden fechar 60% ou 70% dos bares da Galiza". Así de contundente foi o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, en declaracións a Europa Press. Ademais, asegurou que debido aos efectos das restricións polas medidas contra a pandemia da Covid-19 esa porcentaxe de fechamentos vai ir en aumento.

Real volveu reivindicar que todas as Administracións se "arremanguen" e "axuden" o sector diante da actual situación.

"Isto é unha ruína absoluta", sinalou, "é imposíbel aguantar un negocio calquera desta maneira, ademais teremos cantidade de traballadoras e traballadores que van ir ao desemprego pola imposibilidade de manter o persoal nas empresas", lamentou. 

"Pobres axudas" para a hostalaría galega

Cheché Real amosouse onte moi crítico coas Administracións. Exixiu que se "busque unha forma" de "condonar os créditos do Instituto de Crédito Oficial (ICO)" e amparouse en que "se non se poden facer ingresos como se vai poder facer fronte ás débedas? Iso é imposíbel!". 

As "pobres axudas", como denominou o empresario, que recibiron, as e os hostaleiros apenas lles dan "para pagar algún imposto" que están "obrigados a satisfacer ás Administracións". Por este motivo asegurou que "isto é imposíbel, a situación é gravísima". 

En relación aos concellos, Real volveu preguntarse "como" van pagar "impostos" ou taxas municipais se non lles "deixan traballar" polas restricións impostas ao sector. Ou ben, expuxo, "pago impostos e non como nin eu nin a miña familia, e aínda así non nos daría”, afirmou. Insistiu sobre a situación en que se atopan ao ser un sector "tocado".

Ademais, sinalou que dentro da hostalaría a situación é aínda peor para "o lecer nocturno, que leva once meses fechado".

Comentarios