O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aseguraba nunha comparecencia no Parlamento que na Galiza hai 2.000 enfermeiras e enfermeiros dispoñíbeis para para continuar de forma inmediata coa campaña de vacinación. No entanto, para a CIG-Saúde este anuncio é “pura propaganda e autobombo”, pois suporía “sobreexplotar” ao persoal do Sergas, que xa está facendo labores máis alá das que tiña antes.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, destaca que “o persoal de enfermaría de Atención Primaria ao que se refire é o que, ademais de facer o seu traballo habitual, está asumindo o seguimento diario de todas e todos os doentes da Covid-19 non hospitalizados”.
A representante fala, incluso, de que están dobrando as súas quendas e “e prolongando xornadas para facer tamén os cribados que se realizan nos distintos concellos á poboación”. A maior carga de traballo, maior esforzo destas operarias.
Ademais, segundo a CIG hai que ter en conta que o cadro de persoal das e dos enfermeiros xa está “reducido” debido aos recortes que a equipa de Feixoo foi facendo nos últimos anos antes da pandemia “coa súa política austericida”.
Dado que agora non hai vacinas para acelerar a campaña o sistema soporta a situación pero cando cheguen as doses “isto suporá unha enorme carga de traballo adicional”.
Por iso Abuín entende que é unha falla de respecto para as e os sanitarios públicos que Feixoo “faga campaña política e exaltación persoal a conta do sobreesforzo e do abuso das e dos profesionais”.
Reclama para estas empregadas o mesmo complemento específico que o resto de persoal da Xunta e, ademais, incide en que urxe negociar o Plan Mellora da Atención Primaria “paralizado desde que Feixoo chegou” a San Caetano.