Leticia Santos recunca como candidata do BNG á Alcaldía de Moaña

Leticia Santos repite como candidata nacionalista á Alcaldía de Moaña. A actual rexedora foi presentada nun acto realizado na mañá deste sábado, que contou coa presenza de arredor de 400 veciños. A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, puxo a Santos “como exemplo do bo facer do BNG nos concellos mellorando a vida das persoas”.

Moaña, Leticia
photo_camera Ana Pontón e Leticia Santos no acto de presentación da candidata do BNG a Alcaldía de Moaña. (Foto: Nós Diario).

O BNG opta en Moaña por un valor seguro. A actual rexedora repite por terceira vez consecutiva como candidata á Alcaldía co obxectivo de mellorar os resultados de hai catro anos e contar cunha maioría suficiente para gobernar. Neste sentido, Leticia Santos aposta por darlle continuidade a “sete anos de traballo duro e de firme compromiso coa veciñanza de Moaña”, avalado “co mellor equipo que se pode ter”, “coa mesma ilusión da primeira vez, coa experiencia e coa forza do respecto e cariño da xente”.

'É un orgullo ter unha alcaldesa como Leticia'

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que “para o BNG é un orgullo ter unha alcaldesa como Leticia e presumir da xestión do Goberno municipal en Moaña nestes últimos sete anos”. Nesa dirección, significou as políticas de transformación en termos de sustentabilidade ambiental nun momento de urxencia climática, destacando as accións en materia de reciclaxe que chega a case mil fogares da localidade , así como as actuacións de recuperación e preservación do patrimonio.

Pontón asegurou que  “esta alcaldesa non só xestiona con cabeza e corazón senón que defende Moaña onde é preciso, nas rúas e nos despachos, con forza, con valentía, con entusiasmo, non a para ninguén e ten visión de futuro para seguir avanzando,  un exemplo da política municipal que queremos e defendemos, transformadora, para mellorar a vida das persoas e man a man coa veciñanza”.

A líder do BNG non pasou por alto a loita do pobo de Moaña contra a Xunta da Galiza para recuperar os servizos médicos no centro de saúde da localidade. Neste caso, lembrou as mobilizacións continuadas da cidadanía durante máis de 40 semanas até conseguir as urxencias para o Punto de Atención Continuada (PAC).

A dirixente nacionalista referiuse a “44 domingos cos veciños e veciñas de Moaña defendendo a sanidade pública de Moaña”. A este respecto, aseverou que  “se o PP está xogando coa saúde das persoas, será o Bloque canto teña a responsabilidade de goberno quen recupere a sanidade pública”.

Moaña como referente

Pontón salientou que “o presente e o futuro de Moaña é o froito dun traballo social, colectivo, contando coas entidades e coa veciñanza e cun equipo sólido e unido baixo o liderado de Leticia”. Nesta dirección, presentou a vila do Morrazo como “un referente na maneira de xestionar os orzamentos, na acción dos consellos veciñais que deciden os investimentos nas parroquias, segundo as súas necesidades, segundo os seus obxectivos”.

A voceira nacionalista situou como sinal de identidade da acción de goberno do BNG “colocar ás persoas no centro da acción política”, e por iso, “está coa maioría social nesta crise de prezos, coas traballadoras e traballadores, coas persoas pensionistas, coas mariscadoras e coas mulleres que seguen saíndo ao mar, coas persoas autónomas coa xente deste país que ten dereito a pescar”.

Pontón aproveitou a súa presenza en Moaña para denunciar as políticas da Xunta da Galiza, que “presenta uns orzamentos cun pelotazo fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios, en plena crise de prezos un agasallo aos máis ricos que debía empregarse en educación ou en sanidade, unha vergoña para a maioría que o está pasado mal nesta crise”.

Orzamentos do Estado

A líder nacionalista dirixiuse ao Executivo do Estado para indicar que “o BNG non pode dar o seu apoio aos orzamentos do Estado, porque discriminan a Galiza no reparto do investimento territorializado, pero tendemos a man para ter unha negociación que permita incluír estes proxectos nos presupostos xerais e, igualmente, que se fagan realidade porque son necesidades que ten o país”.

Comentarios