Pontón acusa a Rueda de "pelotazo fiscal" polas rebaixas de impostos ás rendas altas

O PSdeG denuncia que fondos Covid foron para "cambiar cubertas".
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez volveron coincidir onte no Parlamento, na sesión de control ao presidente. (Fotos: Parlamento da Galiza)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez volveron coincidir onte no Parlamento, na sesión de control ao presidente. (Fotos: Parlamento da Galiza)

A sesión de control ao presidente que onte decorreu no Parlamento volveu abordar temas que xa centraran boa parte do debate na primeira sesión plenaria coa comparecencia de Alfonso Rueda ante a Cámara.

Nomeadamente, a bonificación ao imposto sobre o patrimonio e o aforro de 4.415 euros que iso vai supor para os petos das fortunas na Galiza. A oposición sabe que este tema incomoda ao Goberno da Xunta, consciente do difícil de xustificar unha baixada de impostos ás persoas con maior riqueza e máis nun contexto de crise. O BNG centrou onte nesta cuestión a súa pregunta na sesión de control a Alfonso Rueda. A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao Goberno galego que "retire" o que a formación nacionalista xa bautizou como "pelotazo fiscal" a favor das grandes fortunas. "Até o Banco Central Europeo di que as persoas máis ricas e as empresas con maiores beneficios teñen que pagar máis, señor Rueda", recriminoulle Ana Pontón.

"Rectifique", proseguiu a nacionalista, que cualificou a decisión de "inexplicábel", para alén de "inxusta" e de "atentar contra o benestar dos galegos e galegas".

"Monotema"

Non encaixou ben Alfonso Rueda esas críticas. Acusou Ana Pontón de estar "co seu monotema" e mesmo de ter "obsesión polos ricos".

"Fastídialles que baixe os impostos", recriminou ao BNG, ao que atacou por levar 40 anos "rifando os galegos". Retrotraíuse tamén ao Goberno de coalición PSdeG-BNG na Xunta —unha baza recorrente nas intervencións de Rueda nas sesións de control— para acusalo de deixar "un burato" de millóns de euros.

Rueda criticou o BNG por facer "demagoxia" cos orzamentos da Xunta "porque nunca xestionaron un" e asegurou que as rebaixas fiscais aprobadas polo Executivo galego destes anos fan que cada galego e galega pague de media "2.300 euros menos que un contribuínte español".

A portavoz do BNG reiterou a petición ao presidente galego de que retirase esa bonificación ao patrimonio. "Que achega ese pelotazo á sanidade, á educación ou ás 55.000 familias vulnerábeis ás que lle retirou a Tarxeta Básica", preguntou.

O debate entre Rueda e Pontón produciuse logo do que o presidente da Xunta mantivo co portavoz do grupo do PSdeG na Cámara, Luís Álvarez. Aquí o tema era o destino de 159 millóns de euros dos fondos Covid. Álvarez acusou o Executivo galego de "escurantista"e insistiu en reclamar explicacións sobre a finalidade á que se destinaran eses millóns. "Non eran fondos condicionados", retrucou Rueda, "non tiñan por que ir a sanidade" e citou un informe no que se afirmaba que a totalidade deses fondos "foron aplicados". O portavoz da formación socialista recolleu esa luva: "Que pena de resposta, xa sei que non tiñan que ir a sanidade, mais a pregunta é, a que se destinaron? A onde foron?". Denunciou entón Álvarez que o diñeiro que se destinara a Galiza no marco das axudas e fondos para a Covid destinouse a "cambiar cubertas de edificios". Finalizou expresando o seu desexo de que o PP apoiase a petición dunha comisión para investigar o destino deses 159 millóns de euros.

Palcos VIP e millóns para concertos "nun contexto de crise"

A líder da oposición, Ana Pontón, reprochou durante o debate na sesión de control que o Goberno galego "si tivo cartos" para dar 2,5 millóns de euros para o concerto que o grupo británico Muse deu en Vigo a inicios de setembro; ou para repartir por volta de 500 pases VIP de balde entre políticos do PP e famosos para o concerto do Xacobeo de C. Tangana a finais do pasado mes de agosto, tamén na cidade olívica.

Luís Álvarez, pola súa parte, anunciou por onde vai ir a seguinte cuestión que o PSdeG vai levar a unha sesión de control, ao se referir a un informe do Consello de Contas que fala, sinalou, da "opacidade no control de gasto do Sergas". O portavoz socialista instou tamén o presidente galego a "evitar" responder as súas preguntas "botándolle sempre a culpa aos demais".

Comentarios