Lea no Parlamento a conta da "Lei do só si é si"

Duras acusacións entre a popular Paula Prado e as deputadas do BNG e do PSdeG, Olalla Rodil e Noa Díaz.
Olalla Rodil (BNG) acusou a Paula Prado (PP) de "pirómana e incendiaria" (Foto: Nós Diario).
photo_camera Olalla Rodil (BNG) acusou a Paula Prado (PP) de "pirómana e incendiaria" (Foto: Nós Diario).

A comparecencia da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade na sesión do Pleno do Parlamento da Galiza, para falar de cuestións relacionadas coa violencia de xénero, derivou nun acendido debate sobre a Lei do só si é si no que populares, por unha parte, e nacionalistas e socialistas, por outro, lanzáronse duras acusacións.

Foi a deputada popular Paula Prado a que introduciu a cuestión no debate, nunha intervención na que alertou da "saída masiva de agresores sexuais dos cárceres" pola aplicación desta norma. "As nosas fillas están hoxe menos protexidas porque hai unha lei chafalleira que está a permitir que saian do cárcere os agresores sexuais", dixo Prado.

Neste sentido, mencionou que, coa aplicación desa lei, na Galiza foi excarcerado un home condenado por unha agresión sexual en Xinzo de Limia e que, segundo a súa condena inicial, debía permanecer en prisión outros tres meses, até febreiro de 2023.

Na súa intervención, Prado mencionou tamén outras normas como a Lei Trans para asegurar que o Goberno estatal "non escoita as feministas" nin "os informes do Consello Xeral do Poder Xudicial" e cualificou de "nefastas" as consecuencias da lei do consentimento, para a que pediu "axilidade" á hora de modificala.

"Pirómana e incendiaria"

"Cal é o seu grao de feminismo?", preguntou Prado á deputada nacionalista Olalla Rodil, a quen lembrou que o BNG votou a favor desta norma: "E hoxe está calada", apelou. Na súa quenda de réplica, a deputada do BNG retrucou a Paula Prado acusándoa de "pirómana e incendiaria". "Vostede batuxa gustosa no barro", afirmou Rodil, que acusou a deputada popular de "xerar un alarmismo social baseado na mentira".

"Están instalados nunha política incendiaria que ten consecuencias directas na sociedade, nunha política absolutamente desprezábel", engadiu Olalla Rodil, que subliñou que a lei de liberdade sexual foi "algo fundamental" para "adaptar a normativa do Estado español ao Convenio de Istambul", de modo que, para unha condena de agresión sexual, non fose necesario acreditar a existencia de resistencia activa.

A continuación, a deputada nacionalista acusou os populares de emendar este proxecto de lei, no seu momento, pedindo "que se volvese ao anterior". "Todas as leis deben de ser analizadas e revisadas, pero non imos volver ao que había", resolveu.

A socialista Noa Díaz considerou "absolutamente demencial e irresponsábel" a intervención de Paula Prado, e pediu aos populares que “non lle dean ningunha lección nesta materia" ao PSOE, sacando a colación os pactos de Goberno con Vox. "Son vostedes os que introduciron aos negacionistas da violencia de xénero nas institucións", clamou.

Comentarios