Pontón erixe o BNG en "referente" de políticas feministas fronte aos recortes do PP en igualdade

A líder nacionalista aposta por "máis mulleres" nas candidaturas municipais e por incorporar a perspectiva de xénero a políticas orzamentarias
Ana Pontón durante o encontro do BNG sobre feminismo en Moaña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón durante o encontro do BNG sobre feminismo en Moaña. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a formación nacionalista como "referente" en políticas feministas, singularmente no ámbito local, e cargou contra a Xunta, que nos orzamentos autonómicos para 2023 presentados esta semana "o que fai é reducir no investimento en igualdade".

Durante a xornada 'Fortalecer os concellos con políticas feministas', organizada polo Bloque en Moaña (Pontevedra), a líder da oposición galega mostrou a súa firme aposta por incrementar os recursos públicos destinados a igualdade de xénero fronte ao "retroceso" que supón o PP.

Queremos máis mulleres nas candidaturas e queremos utilizar o poder que nos dea a cidadanía para mellorar a vida das mulleres

Segundo advertiu na súa intervención, dos máis de 12.600 millóns de euros que hai consignados para o próximo ano, as políticas de igualdade "só" contan con 11,3 millóns, un 1,5% menos que nas contas de 2022 e até "un 63%" en relación co 2009.

"É desolador ver como no medio desta crise de prezos que sabemos afecta máis as mulleres, temos un goberno do PP que o que fai é reducir o investimento en igualdade", denunciou Ana Pontón, para cualificar de "vergoña" o feito de que a Xunta "non só non escoite o malestar das mulleres, senón que, por enriba, presente uns orzamentos nos que o peso das políticas de igualdade vai cara atrás".

"Máis mulleres nas candidaturas"

Fronte a iso, reafirmou o compromiso do BNG "coas mulleres e coa igualdade en todos os ámbitos, tamén no local". "Queremos máis mulleres nas candidaturas e queremos utilizar o poder que nos dea a cidadanía para mellorar a vida das mulleres e do conxunto da cidadanía", recalcou.

Neste sentido, Pontón avanzou que a formación nacionalista é referente e que impulsará para as próximas eleccións municipais unha maior participación feminina tanto no deseño das listas, que serán paritarias, como nas persoas que as encabecen.

Ademais, prometeu que os gobernos locais nacionalistas destinarán máis recursos ás políticas de igualdade, incorporarán a perspectiva de xénero aos orzamentos e impulsarán iniciativas para "recuperar o espazo público" para as persoas. Isto último, tal e como lembrou, é algo que o BNG xa está "a impulsar, transformando vilas e cidades".

Máis mullres na vida política

Con todo, Pontón reivindicou a aposta que xa fai o Bloque por incorporar máis mulleres á vida política, como o feito de ter unha portavoz -ela mesma- e unha viceportavoz -Olalla Rodil- no seu grupo do Parlamento galego, que de feito conta con maioría feminina, así como unha eurodeputada -Ana Miranda-.

Pontón tamén puxo o foco en que o 25% das súas alcaldías están ocupadas por mulleres: "Claro, é pouco, pero é que está moi por enriba da media galega".

Comentarios