Lea electoral entre PSOE e PP a conto de quen se fixo máis fotos en Bruxelas

Pachi Vázquez presumiu de terse reunido con dous comisarios da UE e o PP retruca que Feijóo se reuniu con seis.

A proximidade das eleccións axita a escenificación no PP e no PSOE. Desde que Feijóo asinou o decreto de disolución do Parlamento Galego convocando comicios anticipados, o tono do discurso do PP e do PSOE foi in crescendo. Ás refregas a través das redes sociais e ás valoracións sobre cuestións internas do contrario, sumouse unha nova polémica ao fío dunhas declaracións de Pachi Vázquez ao regreso da súa 'viaxe lóstrego' a Bruxelas.

O candidato socialista, logo de reunirse con Joaquín Almunia, comisario europeo de competencia, e con Maria Damanaki, comisaria de pesca, criticou a escasa actividade en Europa do goberno de Feijóo, afirmando que en dous días el se reunira con máis comisarios que Feijóo e o seu gabinete.

O Partido Popular retrucou, cun tono moi duro, a través dun comunicado no que daba conta das viaxes institucionais de Feijóo e @s conselleir@s a Bruxelas. Na guerra de cifras, os populares gábanse de que o Presidente da Xunta mantivo seis encontros con comisarios da UE ao longo da lexislatura.

Desde o PP cualificaron a visita de Pachi Vázquez de “foto electoral” da que o socialista “non sacou nada” dos comisarios cos que se entrevistou --ambos do Partido Socialista Europeo-- en relación ás preferentes ou ao sector naval. Unha acusación paradóxica, provindo do grupo que sostén o actual goberno galego, toda vez que ese mesmo balanzo sería aplicábel tamén --con maiores argumentos--- á actuación do executivo galego no marco da UE, que por mínima non arroxou ningún resultado positivo para o país. Como puxo en evidencia que fose Extremadura quen representase os intereses galegos no Consello de Pesca da UE, ou o papel que xoga Murcia na presidencia do Comité das Rexións.

Comentarios