18-F | Entrevista

José Ramón Gómez Besteiro: "A papeleta do PSdeG é a do cambio solvente e con garantías"

O lugués José Ramón Gómez Besteiro encabeza a proposta socialista que aspira a ser "a chave do cambio galego", con industria, sanidade e vivenda como bandeira dun futuro Goberno con "experiencia e con garantías". Hoxe conversa con 'Nós Diario' sobre o seu programa de goberno e aspiracións.
José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Máis emprego, máis dereitos, e máis ambición de país. Esta é a carta de presentación de José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) como candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza. Nós Diario conversa con el no medio dunha carreira electoral na que o lugués está a desenvolver unha intensa campaña por todo a Galiza.

—Industria e sanidade son temas centrais da súa campaña.
Insistimos na industria porque cremos que vai ser un verdadeiro revulsivo e cremos tamén que estamos no momento xusto de aproveitar as oportunidades que temos. Subindo 4 puntos de PIB podemos conseguir case 40.000 empregos, os cales serán motores tamén doutros empregos accesorios. Que se suman á industria, que desenvolven. Por tanto, con esta medida podemos pensar nos 100.000 empregos.

Centrámonos na industria porque vivimos un momento onde os novos fondos europeos que van vir da man do Banco Europeo de Investimento –agora entramos noutra fase de fondos europeos– xa non teñen a mesma tramitación, nin a mesma finalidade que os fondos de recuperación. E hai que aproveitar eses investimentos industriais para non perder as oportunidade nun momento no que imos ter directamente enchufado un territorio enerxético como a Galiza. Polo tanto, a proximidade desa enerxía e unha enerxía limpa, máis barata, vai propiciar que moitas industrias vexan Galiza como territorio enerxético.

O emprego industrial é un emprego moito mellor retribuído e, polo tanto, con máis capacidade, mellores salarios. Vainos permitir reter e atraer persoas cualificadas, axudando a parar esa sangría de mozas e mozas que tiveron que abandonar a Galiza.

Se nesta campaña falamos de conseguir máis dereitos é porque estes últimos 15 anos foron de perda de servizos públicos, onde se viu moi afectada a sanidade. Perdemos efectivos, perdemos recursos persoais, recursos materiais que se deixaron de investir na sanidade pública galega. E neste sector, a máis deteriorada e a máis danada, a que máis sufriu, foi a Atención Primaria. Que é ademais onde hai máis queixas por parte da cidadanía por falta de atención, de persoal, de infraestruturas sanitarias, das novas especialidades que demandan. Así como a non prestación de especialidades, por exemplo, do servizo de Pediatría, con 120 concellos que carecen del.

—Como afrontar as dificultades para o acceso á vivenda?
Comparamos co Goberno de Touriño, cando se fixeron case 10.500 vivendas de protección pública, mentres que nos 15 anos do Goberno do PP só se fixeron 5.000. E agora prométenos 20.000 vivendas en catro anos. Un verdadeiro disparate. Por iso apostamos por rehabilitar vivenda pública realizando melloras no patrimonio.

—Este domingo estivo en Ferrol, máis tarde parou en Vilalba e rematou no Carballiño para comezar onte en Burela, atravesando practicamente todo o país. Algo que en transporte público é misión imposíbel. Que iniciativas propoñen en mobilidade?
Misión imposíbel porque o transporte metropolitano practicamente non existe en confluencias de tránsito interior. É algo que temos que mobilizar, e sobre todo aproveitar, tamén o transporte ferroviario. A nosa aposta é fortalecer o sistema de tren de proximidade, porque hoxe non existe o servizo de proximidade. Durante 15 anos, a responsabilidade do Goberno galego era pór en marcha o servizo de proximidade e era tamén pór en marcha un transporte metropolitano de proximidade que hoxe non existe.

Saír de Lugo e ir a Vigo é unha verdadeira odisea. Pero poño outro exemplo: de Vilagarcía a Cangas. É máis fácil coller o tren para Madrid que ir en transporte público de autobús de Vilagarcía a Cangas. E iso require dun investimento importante, dunha planificación axeitada, e dunha organización. O contrato de transporte público por estrada vén de ser anulado por parte dos tribunais. Por tanto, é unha materia importantísima. O compromiso dos socialistas é pór en marcha ese proxecto de proximidade ferroviaria, sobre todo no eixo atlántico, que é onde pode ser operativo, renovando a frota de todos os elementos rodantes da vía do ferrocarril.

—Un dos puntos álxidos da campaña foi o debate na televisión pública galega. Como valora vostede o desempeño do presidente Alfonso Rueda? E como se sentiu no decorrer da contenda?
Eu sentinme cómodo porque creo que fixen unha proposta de país apoiado en tres piares fundamentais: máis emprego, máis dereitos e máis ambición de país. E eses tres aspectos foron arredor do que eu me movín no debate. Que vimos? Un candidato do Partido Popular ausente, non quere ir á debates. Ao debate da TVG foi a pasar o tempo, non fixo propostas, e iso indica ausencia, pero sobre todo a falta de modelo. O Partido Popular é un proxecto esgotado, porque non foi capaz de expor as súas propostas.

Está demostrado que Rueda non quere dar a cara nos debates nin quere dar a cara por Galiza. E nese sentido, creo que todo o mundo puido ver que a única proposta que fixo foi sobre o imposto de sucesións. É significativo que un presidente que se presenta á reelección só poña enriba da mesa iso. É ben pobre o balance que poden ofrecer.

—A candidata de Sumar, Marta Lois, insistiu nos últimos días en que ela formará parte dun goberno a tres. Estaría vostede cómodo na proposta de Lois?
Todo o mundo ten dereito a competir e eu son tremendamente respectuoso con iso. Mais considero que esa decisión está por tomar. Tomaraa a cidadanía o 18 de febreiro.

—Se é presidente galego, cales serán as tres primeiras medidas urxentes que implantará desde a Xunta da Galiza?
A primeira sería ese plan de choque en favor da sanidade pública galega. Ademais, capitalizar a oferta de fondos europeos para protexer a industria. E a terceira medida sería a ambición de país: a primeira semana de abril convocar a Mesa de Competencias para aplicar as capacidades do autogoberno da Galiza.

—Que lle diría a ese 30% de electorado galego que aínda está indeciso para que o 18 de febreiro opte pola papeleta do PSdeG?
Diríalle que o cambio xa está aquí e que elixa a papeleta do PSdeG se quere un cambio solvente, seguro, con garantías, con persoas que teñen experiencia para gobernar, que teñen ambición de país, con liña directa de influencia no Goberno do Estado e en Europa. Se queren isto a papeleta que teñen que elixir é ao Partido Socialista. Diríalles ademais que depende deles que efectivamente ese cambio se chegue a realizar.

Comentarios