18-F

Sánchez reivindica a Besteiro como voto útil e avisa: "Está en xogo o futuro da Galiza"

O presidente español visitou Vigo no último sábado da campaña electoral

Carmen Rodríguez, Patricia Iglesias, José Ramón Gómez Besteiro, Pedro Sánchez, Elena Espinosa e Carmela Silva, este sábado, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmen Rodríguez, Patricia Iglesias, José Ramón Gómez Besteiro, Pedro Sánchez, Elena Espinosa e Carmela Silva, este sábado, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O líder do PSOE e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, reivindicou este sábado en Vigo que o voto útil nas eleccións galegas do próximo 18 de febreiro é ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, e avisou de que nestas eleccións non está en xogo o futuro o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, senón o da Galiza.

"Aquí non está en xogo o futuro de Feixoo, iso xa quedou dilucidado o pasado 23-X... está en xogo o presente e o futuro da Galiza", sostivo nunha intervención na que pediu concentrar todo o voto do cambio en quen vai liderar esa mudanza, "que é o PSOE con José Ramón Gómez Besteiro á fronte do partido e da Xunta".

Sánchez lanzou esta mensaxe durante un mitin en Vigo, no que volveu abeirar, por cuarto sábado consecutivo, a candidatura que encabeza Besteiro.

Na súa intervención, o presidente do Goberno español sostivo que "hai un sentimento transversal" na sociedade galega de "cambio, de urxencia de cambio". "Isto xa non dá para máis", sostivo.

Durante o discurso de Sánchez o persoal de seguridade botou do recinto, o Auditorio Mar de Vigo, a unhas dez persoas que comezou a gritar cando o presidente tomou a palabra. Todo iso despois de que nas inmediacións se puidera ver un grupo de persoas portando pancartas de Vox e lanzando proclamas en contra da amnistía.

"Facerlle as maletas a Rueda"  

Pola súa parte, Besteiro, proclamou que co arranque da última semana da campaña comezará a "remontada" do PSdeG, que dará "a sorpresa" o próximo 18 de febreiro e fará "a maleta" ao presidente da Xunta e candidato popular, Alfonso Rueda.O candidato socialista sostivo que a se trata dunha semana "crucial" na que "todo o mundo xa sabe que o PP vai perder a maioría".

"Non vai gañar", sostivo o lucense, que se mostrou convencido de que nas eleccións galegas "vai haber sorpresa" e que "depende das mulleres e home progresistas" que haxa un cambio na Galiza e que o protagonice "un goberno socialista".

Por iso, apelou aos asistentes ao mitin no que tamén participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a non quedar 'a velas vir', a activarse e a traballar pola remontada.

Comentarios