18-F | Entrevista

Besteiro, de perto: amante da cociña e da paisaxe galega

O candidato do PSdeG máis cercano fala con 'Nós Diario' dos seus gustos persoais.
José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG. (Foto: Europa Press)

Preguntamos ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, polos seus gustos persoais para que as lectoras e lectores poidan coñecelo máis de perto. Gústalle cociñar? Cal é a súa película ou serie de televisión favorita? Que plan ten para un sábado calquera? Estas son as súas respostas.

Cociñar como expresión dun pobo

Besteiro demóstrase como un amante da cociña. Non só porque lle guste, "e moito", comer, senón porque cociñar é para el unha tarefa relaxante. A súa comida favorita? "O caldo, sen dúbida algunha. Ese prato que se cociña a lume lento e que logo se come en familia". 

Máis de series que de películas

Esta tempada o candidato do PSdeG goza vendo capítulos da serie True Detective. Aínda que Besteiro tamén desfruta con audiovisuais de gran fondo político, como é caso da francesa Baron Noir.

Non sen o móbil

Non pode saír da casa sen o teléfono móbil. "Esa condena que temos agora, non poder non estar conectados".

Un plan para un sábado

Non podería escoller un só destino da Galiza para desconectar na fin de semana. "Hai tantos! Desde A Mariña até a raia con Portugal. Temos claramente un país para percorrer".

Comentarios