Inaugurada a mostra sobre os 40 anos de historia do Parlamento da Galiza

A exposición poderá visitarse até o vindeiro mes de marzo na sede da Cámara galega.
Inauguración da exposición, nesta cuarta feira, no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Inauguración da exposición, nesta cuarta feira, no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento da Galiza).

O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices; o da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares inauguraron esta cuarta feira no Pazo do Hórreo a mostra O poder da palabra. 40 anos do Parlamento da Galiza, que repasa os feitos máis salientábeis das catro décadas de vida da institución, cuxa primeira sesión decorreu o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez de Compostela.

Ao fío desta cuestión, Santalices lembrou o "grave déficit de coñecementos históricos" que arrastra a sociedade galega, razón que animou a organizar esta exposición, concibida con base en tres premisas: "Que sexa amena, didáctica e absolutamente rigorosa".

A mostra tamén fai referencia ao Consello da Galiza fundado no exilio por Castelao como entidade predecesora do Parlamento, así como os primeiros anos de actividade no Pazo de Fonseca, até 1989, cando O Hórreo se converteu na sede definitiva.

Para Villares, esta exposición "pivota" arredor da palabra e das persoas que foron protagonistas dunha Cámara con 40 anos de existencia, mais "con máis anos incluso de existencia desexada".

Santalices salientou, aliás, que as persoas que hoxe conforman as institucións galegas, nomeadamente o Parlamento, son "herdeiras" do legado de figuras como o propio Castelao, Gómez Madariaga, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo ou Filgueira Valverde.

Pola súa banda, Núñez Feixoo afirmou que o parlamentarismo galego do século XXI é o resultado da "desembocadura" de "dous afluentes", a "tradición democrática" e o "espírito dialogante" dos nosos devanceiros. Un "exemplo de éxito", dixo, que é "comparábel ao de calquera outro territorio do Estado, incluídas as nacionalidades históricas de Euskadi e Catalunya".

"Parlamentar nunca foi un verbo alleo á idiosincrasia da cidadanía galega, que ten agora no Parlamento unha institución que conforma unha obra na que ninguén fica excluído e hai sitio para todos", resaltou o presidente do Goberno galego.

A exposición estará aberta ao público até o vindeiro mes de marzo na Cámara. Desde ese momento, comezará un percorrido itinerante para achegar a historia do Parlamento a diferentes puntos do país.

Comentarios