"Café para todos", o clásico en que converxen Feixoo, Touriño e Laxe

Os 40 anos de Estatuto a ollos dos presidentes galegos
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campo, con Núñez Feixoo, Pérez Touriño e González Laxe.
photo_camera A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campo, con Núñez Feixoo, Pérez Touriño e González Laxe. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Baixo o lema "Galiza, 40 anos de autonomía" decorreu en Santiago esta terza feira, 19 de outubro, o foro sobre a evolución política e social do Estado autonómico que reuniu o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e os dous ex presidentes galegos vivos: os socialistas Fernando González Laxe (1987-1989) e Emilio Pérez Touriño (2005-2009). 

No evento, organizado pola  Escola Galega de Administración Pública (EGAP), os tres políticos coincidiron na defensa da Constitución española e do Estatuto galego de 1981, compartindo tamén a aposta por "actualizar", "perfeccionar" ou "reformar" en maior ou menor medida o sistema, aínda que coa visión de que "o consenso" que deu pé á Carta Magna española debe ser chave.

Coincidiron tamén na necesidade de, en palabras de Touriño, "reequilibrar" o sistema de financiamento autonómico. Feixoo, que asegurou crer "no reformismo", celebrou unha frase de González Laxe: "o financiamento autonómico é  inefectivo e o sistema premia a quen o incumpre".

O actual mandatario galego reivindicou o modelo "baseado na autonomía afectiva e efectiva", que definiu como "exitoso". Así, máis que en actualizar o Estatuto, puxo o foco na "necesidade" de mudar unha lei electoral que considera "froito da Transición e do pacto cos nacionalistas, que os nacionalistas non cumpren".

Touriño apelou á necesidade de ser "capaces de mellorar e perfeccionar" a Constitución "non para deconstruír, senón para fortalecer a herdanza" do 78 e o propio Estatuto de Autonomía, sempre desde o consenso.

Non se trata, recalcou Touriño, de dar amparo "ás saídas independentistas" senón de lograr concitar o acordo e representar o sentir da "maioría social" dos españois. Tamén se abriu a "perfeccionar o recoñecemento político nacional das comunidades" sempre que iso non se traduza nun trato "asimétrico" en cuestión de dereitos entre os cidadáns. De novo, Touriño amosouse fan dos clásicos, neste caso, do afamado "café para todos" que igualou o autogoberno da nación galega ao das rexións españolas.

PP, BNG e PSdeG debaten sobre a reforma estatutaria

Previamente e no mesmo foro, os grupos políticos con representación na Cámara galega -PP, BNG e PSdeG- abordaron os 40 anos do Estatuto nun debate en que evidenciaron as súas discrepancias sobre unha posíbel reforma. O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, e o líder do PSdG, Gonzalo Caballero, coincidiron en facer un balance positivo dos 40 anos de autonomía mais discreparon sobre a reforma. O socialista considera que hai que estar "abertos" a adaptar o Estatuto aos "novos tempos" mentres que Puy considera difícil "pórse de acordo” co BNG.

Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará reprochou a falta de "autocrítica". O Estatuto, dixo, "tivo unha fase expansiva pero tamén outra posterior de centralización" e na actualidade está nun proceso de "anemia" tras "12 anos" de gobernos de Feixoo en que non se obtivo ningunha nova competencia. Ademais, considerou que adoece dun "problema grave de obsolescencia e de esgotamento".

"Se o comparamos cun coche, un clásico, quedou pequeno, vello, e necesitamos outras ferramentas", destacou. Tras avogar por "incrementar as competencias", considerou que iso "non é suficiente". Así, subliñou que se debe de abrir un debate de "maior calado" para "pensar e construír a Galiza do futuro". Iso si, deixou claro que o Bloque non defende un novo Estatuto senón un novo "status" político para a Galiza.
 

Comentarios