luns 01.06.2020

O hospital de Ourense buscou respiradores na privada mentres Feixoo enviou 11 a Madrid

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) preparouse nos últimos días para o impacto do pico da COVID-19 coa conversión da unidade de recuperación post-anestesia nunha UCI. Segundo puido coñecer Nós Diario, buscáronse respiradores na sanidade privada.

Feixoo, á esquerda, e Díaz-Ayuso, no centro. (Imaxe: Europa Press).
Feixoo, á esquerda, e Díaz-Ayuso, no centro. (Imaxe: Europa Press).

O pasado domingo, na intervención pública que tivo lugar após a reunión telemática dos presidentes das autonomías co xefe do Executivo español, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo puña de manifesto a falta de material sanitario na Galiza. Responsabiliza o Goberno de Pedro Sánchez.

“No caso da Galiza”, dixo entón Feixoo, “apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, tests, respiradores, material de UCI e material de hospitalización”.

Tres días despois destas declaracións, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anunciaba que Galiza enviaría á capital española varios respiradores. Un envío que confirmou posteriormente a Xunta e mais Feixoo durante o debate da Deputación Permanente que decorreu a pasada quinta feira. Foi alí, en sede parlamentar e en resposta a unha pregunta do deputado de Común da Esquerda, Antón Sánchez, onde informou de que entregara a Madrid “11 aparellos de UCI”. Un material que non sobra na Galiza, segundo as advertencias do persoal sanitario, que vén reclamando máis medios e recursos contra o coronavirus e segundo as declaracións que fixera o propio presidente da Xunta na xornada do domingo.

O CHUO recorreu á privada en busca de respiradores

Que non sobran aparellos UCI na Galiza evidénciao o feito de que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) buscou na sanidade privada respiradores de UCI para habilitar a unidade de recuperación post-anestesia, coñecida como URPA, nunha área extra de coidados intensivos. Fontes do hospital, confirmaron esta información a Nós Diario.

“Atendendo ás previsións, habilitouse para UCI a unidade onde os pacientes se recuperan da anestesia. Son 18 camas máis que, de momento, non se empregaron mais que van ter que empregarse ante o previsíbel aumento de persoas coa COVID-19 que precisarán coidados intensivos”, afirmaron fontes hospitalarias, que sinalan que se están a conseguir respiradores na sanidade privada, “de momento hai”, aseguran a respecto da dotación deste material imprescindíbel na UCI para tratar pacientes graves con coronavirus.

O feito de que o hospital máis grande de Ourense buscase na sanidade privada respiradores evidencia que non sobran estes aparellos que o Goberno galego enviou a Madrid.

Polémica

A polémica xurdiu despois de que a homóloga de Feixoo e compañeira de partido, Díaz Ayuso, agradecese a Galiza a entrega do material. Antón Sánchez, portavoz de Común da Esquerda, en declaracións a Nós Diario, criticaba a “contradición” en que incorreu o presidente da Xunta. Sánchez preguntouse se a Galiza, neste momento, pode permitirse enviar material a Madrid. "Feixoo di que polo de agora non é necesario no país, veremos se iso non é así", apuntou.

O deputado do PSdeG, Julio Torrado, tamén advertiu das incoherencias de Feixoo a respecto do material sanitario. "Ayuso di que a Xunta envía un material que o Goberno galego di que non ten, o Ministerio envía un material que a Xunta di que non están a enviar, e Feixoo di que Galiza ten un stock de material que o persoal sanitario non ten”, denunciou.

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, fixo alusión á “solidariedade entre os pobos, sobre todo nun momento de emerxencia como este”, e á “necesidade de axudar a quen está pasando unha situación crítica en Madrid”, un territorio no que se privatizou fortemente a sanidade, lembrou. Pontón criticou que Feixoo dixese que na Galiza “faltaban respiradores e acto seguido os cedese”. A portavoz nacionalista, en declaracións a Nós Diario, preguntouse se Feixoo “está facendo propaganda" cando acusa a falla de material na Galiza ou se, pola contra, "está a deixar a sanidade galega en risco para podermos atender a emerxencia".

Davide Rodríguez, deputado do Grupo Mixto, sinalou a Nós Diario a este respecto que non ve mal o envío de material a Madrid “sempre que aquí non sexa necesario, pois non falamos de territorios, senón de persoas, pero cando o precisemos na Galiza a ver de onde sacamos nós eses respiradores”.

comentarios