Feixoo envía a Madrid material sanitario após criticar a súa falta na Galiza

A Xunta envía 11 respiradores a Madrid en resposta á solicitude do Ministerio de Sanidade e da Comunidade de Madrid perante o colapso na capital do Estado. Núñez Feixoo considera que este material non é preciso agora na Galiza, mais non hai nin cinco días que alarmou sobre a súa carencia no país e a urxencia de telos. 
Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente galego Alberto Núñez Feixoo acordou coa súa homóloga madrileña, Isabel Díaz Ayuso, o envío de varios respiradores do Sergas para asistir pacientes afectadas pola COVID-19. Así o anunciou a presidenta de Madrid na cuarta feira, 25 de marzo, e así o recoñeceu onte a Xunta da Galiza. 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, e a propia Isabel Ayuso chamaron ao envío de material sanitario sobrante noutros territorios á capital do Estado, principal foco do coronavirus, afirmando que despois se levaría a cada zona que o precisase.

Porén, este material non é sobrante na Galiza segundo as demandas do persoal sanitario, que reclama máis medios para loitar contra o coronavirus, mais tamén segundo dixo o propio Alberto Núñez Feixoo, sementando confusión e desconcerto polo baile de posicións de quen está á fronte do Executivo galego. E é que tan só hai 5 días que o presidente da Xunta insistía na necesidade de adquirir para o sistema sanitario galego respiradores. 

Feixoo alertara da falla de respiradores na Galiza

Foi na videoconferencia que o presidente Pedro Sánchez mantivo coas e cos mandatarios autonómicos onde Feixoo transmitiu a súa queixa ante a falta de material comprometido polo Goberno do Estado, e dixo que a Galiza levaba máis dunha semana advertindo de que o material sanitario que o Executivo central se comprometera a servir non estaba a chegar. “No caso da Galiza, apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, test, respiradores, material de UCI e material de hospitalización”, dixo Feixoo. 

Tan só 3 días despois, transcendeu por parte de Isabel Díaz Ayuso que varios dos respiradores que Feixoo criticaba non ter recibido e que consideraba urxentes, estaban comprometidos a Madrid. 

Antón Sánchez, portavoz do grupo parlamentario Común da Esquerda, sinala a Nós Diario a contradición en que incorre Feixoo ao queixarse nun primeiro momento da falta material, logo por recoñecer que había cincocentos mil máscaras en stock no Sergas, e terceiro por, habendo esa cantidade en almacén, é incomprensíbel que o persoal sanitario se queixe de non telo ao seu alcance. Sánchez pregúntase se a Galiza, neste momento, se pode permitir enviar material a Madrid. "Feixoo di que polo de agora non é necesario no país, veremos se iso non é así", di Sánchez.

O deputado de En Común lamenta tamén que o presidente garde silencio sobre o que está achegando a sanidade privada para loitar contra o coronavirus cando hai escaseza de camas, de UCI, de persoal... e tendo en conta que o decreto do Goberno central permite á Xunta dispor de todos os recursos da privada, a cal está "a despedir e dar vacacións ao persoal", denuncia Antón Sánchez.

O deputado do PSdeG, Julio Torrado, tamén sinala incoherencias sobre o material sanitario por parte de Feixoo. "Ayuso di que a Xunta envía un material que o Goberno galego di que non ten, o Ministerio envía un material que a Xunta di que non están a enviar, e Feixoo di que Galiza ten un stock de material que o persoal sanitario non ten". A ese respecto, Torrado sinala que "mentres Feixoo dixo que  chegaron 27 mil máscaras, o Goberno central tiña enviadas xa máis de 1.000".

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, sitúa dous planos nesta cuestión. "O primeiro é a solidariedade entre os pobos, sobre todo nun momento de emerxencia como este, e a necesidade de axudar a quen está pasando unha situación crítica en Madrid", un territorio no que se privatizou fortemente a sanidade, lembra a líder nacionalista a Nós Diario. 

O segundo plano, indica Pontón, é o que ten que ver co presidente da Xunta, e sinala como un problema que "Feixoo dixese que na Galiza faltaban respiradores e acto seguido os cedese". A portavoz nacionalista pregúntase se "Feixoo está facendo propaganda" cando acusa a falla de material na Galiza ou se, pola contra, "está a deixar a sanidade galega en risco para podermos atender a emerxercia". 

Davide Rodríguez, deputado do Grupo Mixto, sinala a Nós Diario a este respecto que non ve mal o envío de material a Madrid "sempre que aquí non sexa necesario, pois non falamos de territorios, senón de persoas, pero cando o precisemos na Galiza a ver de onde sacamos nós eses respiradores", advirte o parlamentario. Rodríguez sinala como agravante nesta crise o feito de levarmos 11 anos de recortes de sanidade con Feixoo no Goberno galego.

O Sergas envía a Madrid 11 ventiladores de UCI

A oposición preguntou onte na sesión da Deputación Permanente do Parlamento sobre a cesión a Madrid de respiradores que se cualificaran precisos na Galiza. Alberto Núñez Feixoo sinalou que as dotacións cedidas á capital do Estado "foron pedidas en primeiro lugar polo ministro de Sanidade e, en segundo, pola Comunidade de Madrid".

Feixoo precisou que se cederon en total 11 ventiladores de UCI . "Non houbo unha orde por escrito, pero tiñamos a petición do Ministerio de Sanidade e, posteriormente, pedíunolo por teléfono a presidenta da Comunidade de Madrid", dixo Feixoo. O presidente sinalou que o préstamo é posíbel porque a Xunta se anticipou e comprou material antes de que a OMS declarase a pandemia. Porén, el mesmo criticou esta semana o retraso no envío de material por parte do Estado a Galiza. 

Comentarios